Ferroatlántica e Augas de Galicia imputadas pola seca da Fervenza

fervenza_seca.jpg
photo_camera fervenza_seca.jpg

Dous altos cargos de Augas de Galicia e outros dous da empresa Ferroatlántica foron imputados polo xulgado de Instrución número 2 de Corcubión, polo baleirado do encoro da Fervenza, no río Xallas, que provocou a morte de miles de exemplares de troitas o pasado mes de novembro.

Os imputados son, por unha banda, o director xeral de Augas de Galicia, José Luís Romero Valeiras e o subdirector de Proxectos e Programas, Francisco Alonso; e polo outro, o conselleiro delegado de Enerxía de Ferroatlántica, José Luís González Faba; e o xefe de explotación do encoro, Román Lozano. Os catro deberán acudir a declarar a mediados de marzo.

No caso de Augas de Galicia, o xulgado que instrúe o caso considera que existen indicios que levan a pensar que a Administración non controlou os niveis de auga do pantano ata de chegar á situación que ocasionou a morte dos peixes.

Aos imputados de Ferroatlántica considéraselles os presuntos responsables do baleirado do encoro, que chegou a estar por baixo do 4% da súa capacidade.

Na investigación interviñeron axentes do Seprona, que intentaron determinar as responsabilidades da empresa e a administración neste asunto; pois o problema ecolóxico derivado do baleirado do encoro podería terse evitado.

Touriño defende a actuación de Augas de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, da que depende o organismo autónomo Augas de Galicia, remitiuse ao dito esta mañá polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que defendeu a correcta actuación da Administración e achacou toda neglixencia a Ferroatlántica.

Desde Ferroatlántica afriman que non realizarán declaracións sobre a imputación de dous dos seus altos cargos, dado que o asunto están en mans da Xustiza e seguirá o seu curso.

O PPdeG esixe 'depurar responsabilidades políticas'
Fronte ao mutismo de Ferroatlántica e Augas de Galicia ao redor deste asunto, o PPdeG saíu á escena para esixir a Touriño que depure responsabilidades políticas para evitar presidir un goberno integrado por presuntos "implicados en delitos ambientais".

Segundo o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeiras, estes responsables son o presidente de Augas de Galicia, o director xeral de Conservación dá Natureza e o delegado provincial de Medio Ambiente.

Neste sentido, o PPdeG defenderá no pleno do próximo martes unha moción para solicitar que nun prazo máximo dun mes, a Xunta remita ao Parlamento un informe sobre as causas do desastre ecolóxico e valore o alcance das posibles responsabilidades que se derivan destes feitos.

Comentarios