Augas de Galicia di que actuou con urxencia ante a seca da Fervenza

El embalse de A Fervenza llegó a estar casi completamente seco (Foto: Adega)
photo_camera El embalse de A Fervenza llegó a estar casi completamente seco (Foto: Adega)

O director xeral de Augas de Galicia, José Luis Romero Valeiras, imputado polo desastre ecolóxico no encoro da Fervenza reafirmou que o organismo autónomo actuou coa máxima urxencia e nada máis ter coñecemento do problema de caudal na presa.

Romero Valeiras declarou este luns ante o Xulgado de Instrución de Corcubión, que investiga as responsabilidades pola redución drástica do nivel da auga do encoro que o pasado 10 de novembro provocou a morte de miles de exemplares de troita e outros peixes.

Xunto ao director xeral de Augas de Galicia tamén estaba citado como imputado o subdirector de Proxectos e Programas desta sociedade, Francisco Alonso.

O xuíz que instrúe o caso considéraos posibles responsables ao non controlar os niveis de auga do pantano ata que se chegou á situación que ocasionou a morte dos peixes.

Dous altos cargos de Ferroatlántica, empresa concesionaria da explotación da Fervenza, figuran tamén como imputados na causa xudicial como posibles causantes do baleirado do encoro, que chegou a estar por baixo do 4% da súa capacidade.

O informe de Medio Ambiente, en suspenso
O procedemento aberto polo Xulgado de Instrución de Corcubión interrompeu de momento o informe interno de Medio Ambiente sobre este desastre ecolóxico, que "queda solapado" pola vía xudicial, segundo fontes da Consellería.

Medio Ambiente mantén aberta unha segunda liña de investigación, sen data de conclusión prevista, que pretende indagar sobre a xestión que Ferroatlántica fixo do encoro.

Neste sentido, a Consellería sostén que a "única culpable" da baixada dos niveis de auga da Fervenza é Ferroatlántica polo "uso indebido" que realizou para "manter chea" a presa de produción eléctrica que ten no río Xallas.

Os dous expedientes abertos á empresa do grupo Villar Mir polo desastre da Fervenza poderían chegar a custarlle 600.000 euros de sanción e ata a perda dos dereitos de explotación do encoro, circunstancia que o propio departamento autonómico non cre probable.

Comentarios