A Audiencia Provincial absolve a Callón de delito de inxurias contra Fraga Mendián

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou a absolución do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Carlos Callón, no litixio que mantén co ex xuíz decano da Coruña Antonio Fraga Mandián, ao que criticou polo incumprimento da Lei de Normalización Lingüística ao usar o topónimo "La Coruña" en lugar de Aa Coruña.

A MNL festexou" a absolución de Carlos Callón e advirte de que a sentenza supón "un importante correctivo" para Fraga Mandián, ao que a Audiencia Provincial recorda que é unha ilegalidade o uso oficial do topónimo "La Coruña".

Callón declarou o pasado 10 de maio en Audiencia Provincial da Coruña polo conflito xudicial tras admitir este órgano o recurso interposto polo ex xuíz decano contra a sentenza de primeira instancia que absolveu a Callón.

O avogado de Fraga Mandián pedira a revogación da absolución e a condena de Callón por un delito de inxurias polo que en primeira instancia solicitara unha indemnización de 15.000 euros.

O representante de Fraga Mandián sinalou que non se trataba dun xuízo sobre o uso do idioma galego e aludiu ao "ánimo de danar" de Callón nas súas críticas ao maxistrado sobre o que insinuou que podería incumprir outras normas legais.

Así mesmo, insistiu en que o ex xuíz decano nunca utilizou a palabra "ilegalidade" na súa frase sobre o uso do topónimo e asegurou que cando ocorreron os feitos, en 2008, a oficialidade do topónimo estaba a ser dirimida na xustiza.

A MNL denunciou a celebración desta vista, que cualificou de feito "insólito" e "kafkiano" e criticou as "varias varas de medir" da xustiza.

A orixe do conflito remóntase a 2008 cando Callón foi denunciado polo entón xuíz decano da Coruña Antonio Fraga Mandián despois de que o presidente da MNL criticase ao maxistrado polo incumprimento da Lei de Normalización Lingüística ao usar o topónimo "La Coruña" en lugar de A Coruña.

Comentarios