A Audiencia Nacional mantén a prohibición de cazar lobos en España

Desestima a petición de Cantabria e sostén que a captura do animal provocaría un dano irreparable

Un lobo. EP
photo_camera Un lobo. EP

A sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional rexeitou a suspensión solicitada por Cantabria da orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica pola que se incluía o lobo da zona norte do Duero na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial, prohibindo a súa caza deportiva. A sala ten pendentes de resolver outras peticións de suspensión cautelar da norma, incluída a de Galicia.

Nun auto deste luns, os maxistrados da sección primeira descartaron suspender de forma cautelar a orde recordando que cando se trata dunha modificación normativa tendente a instaurar con carácter xeral un novo réxime xurídico, a xurisprudencia esixe que se produzan "de forma clara e evidente" prexuízos irreversibles que non concorren neste caso. 

Os maxistrados sosteñen que a suspensión da orde recorrida suporía que o lobo se podería seguir cazando en Cantabria, o que provocaría un dano irreversible e irreparable. En relación cos posibles danos ao gando polos ataques do lobo de manterse a mesma, a sala indica que "serían prexuízos reparables economicamente, é dicir, poderían ser obxecto dunha indemnización a través das canles legalmente establecidas ao efecto". 

A sala ten pendentes de resolver outras peticións de suspensión cautelar da norma, incluída a de Galicia

Con todo, consideran que debe prevalecer neste momento procesual o interese xeral de conservación da especie, sobre eses posibles danos económicos. 

No seu recurso, o Goberno autonómico subliñaba que a supervivencia da especie non se ía ver ameazada por manter o statu quo previo á orde ministerial, pois esta protexe o lobo por valores distintos aos do seu estado de conservación, que non se verían afectados pola suspensión. 

RECURSOS PENDENTES. Na súa resolución, os maxistrados sinalan que a maioría das cuestións suscitadas pola parte recorrente fan referencia ao fondo do asunto, sobre as que o tribunal non pode pronunciarse

Ademais de Cantabria, as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Castilla y León, Andalucía, Madrid e Murcia presentaron un recurso contencioso administrativo co obxectivo de lograr que se paralizase.

Comentarios