Residencias de maiores demandan á Xunta un plan ante o coronavirus

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para os Maiores e Dependentes reclama un "plan especial" ante casos de infección

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para os Maiores e Dependentes (ASSP), que agrupa varias asociacións de residencias e centros da terceira idade, reclamou á Xunta que elabore un "plan especial" para afrontar posibles casos de infección por coronavirus nestas instalacións.

Nun comunicado remitido aos medios, no que subliñan que os usuarios destes servizos son "especialmente susceptibles á infección" por Covid-19, os membros desta organización explicitan cales consideran que son as prioridades neste momento.

Deste xeito, esixen que a Consellería tome "o control de todas as decisións relacionadas co coronavirus en todas as residencias de maiores e dependentes de Galicia, tanto públicas como privadas".

Ademais diso, sinalan que é necesario un plan con medidas como garantir "a subministración urxente dos medios materiais básicos para afrontar" o actual brote, entre os que citan expresamente a necesidade de dispor de máscaras cirúrxicas e produtos de base alcohólica para hixiene de mans; ademais doutros aveños como luvas ou batas.

Adicionalmente, inciden en que deben ter acceso a mecanismos para poder facer "test diagnósticos de urxencia" tanto a usuarios e profesionais xunto con zonas especiais para atender aos infectados que non precisen ingreso hospitalario no propio centro.

Entre as accións que contemplan a maiores están a "formación acelerada do persoal" e o reforzo dos persoais ata, polo menos, cumprir cos cocientes recomendados, que -engaden- non se están cumprindo e incluso poderían ser insuficientes. 

Comentarios