Un congreso analizará en Santiago a influencia dos medios na violencia de xénero

Expertos do ámbito académico, xurídico e informativo abordarán o compromiso do xornalismo na sensibilización fronte a esta lacra nunhas xornadas os días 28 e 29, nas que colabora a Secretaría de Igualdade
Susana López Abella e Arturo Maneiro. PEPE FERRIN (AGN)
photo_camera Susana López Abella e Arturo Maneiro. PEPE FERRÍN (AGN)

Un punto de encontro para analizar "en profundidade" se os medios de comunicación colaboran "eficazmente" no dobre compromiso de informar sobre a violencia de xénero e de crear "conciencia social" sobre esta lacra. Esta é a premisa que rexerá o congreso organizado pola Asociación de Xornalistas de Galicia e que, os próximos días 28 e 29 de novembro, dará cabida en Santiago a unha serie de relatorios na que expertos do sector xornalístico, académico e xurídico tratarán de arroxar unha mirada crítica cara ao tratamento informativo da violencia machista.

O presidente da entidade, Arturo Maneiro, cualificou este martes de moi "necesario" o evento, que presentou no hotel compostelán Porta do Camiño xunto coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Neste sentido, explicou que a dimensión mediática de xuízos como os dos asasinatos de Diana Quer e Ana Enjamio devolven á primeira plana o debate sobre a influencia dos medios e da linguaxe xornalística na construción dunha sociedade máis igualitaria. Por este motivo, indicou que esta serie de conferencias e mesas redondas buscará "interrogarse" sobre se, co seu xeito de enfocar a cuestión, o xornalismo facilita a "verdadeira" información, favorece o amarelismo ou promove realmente a igualdade e axuda á sensibilización.

Este marco reflexivo chegará da man de relatoras como Ángeles Carmona, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial; Isabel Muntané, codirectora do máster de Xénero e Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, ou María Xosé Porteiro, fundadora de Xornalistas Galegas, ademais de máis dunha vintena de xornalistas galegos e nacionais.

O encontro contará con relatoras como Ángeles Carmona, Isabel Muntané ou María Xosé Porteiro

Desta forma, examinaranse asuntos como, por exemplo, se a exposición mediática alivia ou fomenta os malos tratos, o papel das universidades na comunicación non sexista ou a necesidade dun xornalismo feminista. "É un plan moi ambicioso que pode chegar a conclusións moi alentadoras", resumiu Maneiro, quen no entanto considerou que, na súa opinión, o xornalismo galego habitualmente aborda "ben" este tipo de noticias.

Pola súa banda, López Abella, cuxo departamento colabora na organización do congreso, destacou a importancia do xornalismo na loita contra esta problemática a través de contidos que "fomenten a igualdade e o respecto" e afirmou que estas xornadas son "unha magnífica oportunidade" para "comprometer" os medios en obxectivos como "a visibilización" da violencia machista, "a erradicación da sensación de impunidade" ou o reforzo da "tolerancia cero" ás portas do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o vindeiro luns.

Comentarios