A Asociación Animalista Libera pide endurecer os psicotécnicos de caza

Denuncia tamén a "escasa preocupación" da Xunta pola seguridade nas cazarías 
Cazador, caza. J. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Un cazador. J. VÁZQUEZ (AEP)

A Asociación Animalista Libera pediu endurecer os psicotécnicos de caza após o caso de malos tratos animais en Chantada cunha cadela á que o seu propietario disparou, golpeou e arrastrou polo chan, segundo transcendeu por redes sociais a través dun vídeo.

Nun comunicado, e despois do emitido este luns pola Federación Galega de Caza condenando os feitos, a asociación animalista denuncia "o cinismo dos lobbies procaza que, por unha banda, afirman condenar os feitos, mentres manobran para impedir o endurecemento dalgunhas normas que lles regulan".

Os animalistas aseguran que o colectivo tentou "rebaixar a idade para portar armas de fogo en Galicia, reducindo a idade para practicar a caza dos 16 aos 14 anos, que até o Valedor do Pobo reprobou á Xunta este pacto cos grupos de presión, obrigando á administración a recular".

Por outra banda, critica "a escasa preocupación do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo pola seguridade nas cazarías, con tan só 8 controis de alcoholemia realizados no período 2013-2018 e cunha norma que nin sequera esixe un consumo cero para poder portar unha arma e saír ao monte a matar animais".

"O seu único traballo na materia foi subvencionar cursos de seguridade cuxa asistencia é ínfima en comparación ao número de licenzas", apostila.

"SILENCIO" DA XUNTA

Na mesma liña, critica o "silencio" do Executivo autonómico desde o pasado sábado e que, ao seu xuízo, "contrasta coa iniciativa de oficio do Defensor do Pobo", que se dirixiu á Consellería de Medio Ambiente para preguntar se pensa trasladar este suceso á Fiscalía. 

Como propostas para previr "este tipo de contextos de crueldade animal", Libera suxire a modificación da Lei de Caza para endurecer os controis psicotécnicos e médicos, incluíndo a obriga de que os mesmos "se realicen cunha periodicidade regular e que o exame da licenza de caza inclúa disposicións sobre benestar animal, cuestión que individuos como o de Chantada parecen descoñecer". 

En relación ás súas propostas, critica que este colectivo se opuxera á Lei de Benestar Animal de 2017 que prohibe prácticas habituais no mundo cinexético como o uso de crueis colares de descargas eléctricas, a mutilación de orellas e colas dos cans ou o seu mantemento en canceiras inmundas sen ver a luz natural.

Comentarios