Así deben ser as xuntas de propietarios en tempos de Covid-19

A Xunta e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia lanzan unha guía con recomendacións para as reunións de veciños

A Xunta e o Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia lanzaron unha guía para as xuntas de comunidades de propietarios en tempos de Covid-19, que contempla que as que se celebren por ser "urxentes" deben contar cunha persoa como máximo por propiedade e alargarse o "mínimo tempo imprescindible". Así o explicaron este mércores a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o presidente do Colexio, Martín Bermúdez de la Puente, e o director xeral de Vivenda e Solo, Heriberto García, durante a presentación na Coruña deste manual elaborado en colaboración.

En declaracións á prensa, Ángeles Vázquez remarcou que "o covid veu a cambialo todo" e, neste campo, era necesario dispor dunha guía "de obrigado cumprimento", xa que "por unha banda, as leis obrigan a manter xuntas con veciños e, por outro, a saúde pública é a prioridade".

Entre as medidas, establecen que só deben celebrarse as xuntas que sexan "urxentes", nun espazo habilitado con distancias e ventilación, se non se poden facer "de xeito online".

Antes da xunta, detallou Heriberto García, hai que adoptar medidas con carácter previo, entre elas, ter en conta que "non deben asistir aquelas persoas que teñan síntomas compatibles co Covid-19" ou que sexan contactos de positivos. Así mesmo, recoméndase a non asistencia de persoas que pertenzan a colectivos vulnerables, que poderán delegar a súa participación noutra persoa.

"No momento de convocar a xunta deberán remitirse aos membros as medidas preventivas e a documentación relativa ás medidas que deben adoptarse", indicou García. Ademais, chamou a ser "especialmente cautos co lugar", pois debe ter "ventilación" e permitir colocar cadeiras cunha distancia dun metro e medio. Nesta liña, recomendan a "prevención da tensión" para evitar conflitos e levantarse do asento.

Súmanse a estas medidas o uso da máscara, o lavado de mans con xel hidoalcohólico, evitar aglomeracións á entrada e á saída e non compartir obxectos entre uns e outros.

O presidente do colexio, Martín Bermúdez de la Puente, aconsella que as xuntas ordinarias se apracen ao ano que vén, pero recoñeceu que "hai que celebrar as que sexan exclusivamente urxentes" por unha avaría, aínda que poden supor "un foco de contaxio". Así, pediu que sexan "o máis breves posibles".

Comentarios