Así é a campaña de campamentos de verán da Xunta, que este ano terán 7.830 prazas

Parada de Sil, Bande, Cabana de Bergantiños e Silleda súmanse ás instalacións que acollen campamentos 
Presentación de la campaña de campamentos de la Xunta para los meses de verano. LUIS POLO
photo_camera Presentación da campaña de campamentos da Xunta para os meses de verán. EUROPA PRESS

A campaña de campamentos de verán da Xunta pon a disposición dos mozos galegos un total de 7.830 prazas, mil máis que o pasado ano, para gozar das accións que desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro. A edición de 2021 do programa de actividades estivais para a mocidade galega foi presentada este martes pola conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a súa visita ás instalacións do campamento xuvenil Virxe de Loreto do municipio de Porto do Son.

O prazo para presentar solicitudes ás case 8.000 prazas ofertadas este verán ábrese o vindeiro xoves 20 de maio, unha vez sexa publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), e pecharase sete días hábiles despois. 

Entre as novidades desta campaña, bautizada 'O verán que mereces', están catro novas instalacións que albergarán campamentos (Bande, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños e Silleda), a recuperación do programa de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas e outros 13 novos campos de voluntariado, que se suman aos 27 restantes. 

Como cada ano haberá prazas reservadas para persoas con discapacidade de entre once e 41 anos, que nesta edición chegan ás 185; así como outras para menores tutelados (60 prazas). 

A oferta complétase cos campamentos para nenas e nenos de 9 a 17 anos, intercambios con outras comunidades autónomas, campos de voluntariado para maiores de 18 anos e minicampamentos 'Coñece Galicia' en establecementos turísticos.

PROTOCOLOS SANITARIOS. De cara á edición deste verán, a Xunta mantén o protocolo sanitario específico elaborado o pasado ano para os campamentos do pasado verán, que concluíron "sen ningún caso positivo", segundo resaltou a conselleira Fabiola García. "Lonxe dos estereotipos que a perseguen, hai unha mocidade responsable, consciente e comprometida", sinala a responsable de Política Social, que incidiu na aposta da Xunta por recompensar os "esforzos" e o "bo comportamento" dos mozos galegos durante os últimos meses. 

Comentarios