Ascende o número de neonatos prematuros e mellora o seu índice de supervivencia

Este sábado, o Hospital Clínico de Santiago organizou unha Xornada sobre Prematuridade na que se abordaron estas cuestións
Un grupo médico atendiendo un parto. PIXABAY
photo_camera Un grupo médico atendiendo un parto. PIXABAY

O número de neonatos prematuros ascende en Galicia, á vez que tamén mellora o índice de supervivencia entre eles polos avances que tratan de reducir a contracción de enfermidades. Segundo o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), no ano 2018 naceron un total de 159 nenos prematuros neste centro, entre os que destacan os grandes prematuros (con menos de 8 meses de xestación) e os extremadamente grandes prematuros (xestados durante menos de 7 meses).

Neste tipo de nacementos é no que se centra este sábado a Xornada sobre Prematuridade organizada polo CHUS, que pretende "proporcionar aos profesionais sanitarios instrumentos de avaliación sobre o desenvolvemento psicolóxico dos bebés". Para o complexo santiagués tamén resulta de especial interese os recentemente nacidos con baixo peso. En 2018 o CHUS rexistrou 180 nacementos deste tipo, dos que 19 pesaban menos dun quilogramo e 27 entre un quilo e un e medio.

"Non só é importante a supervivencia maior, senón que esta sexa coa menor morbilidade posible", explicou a investigadora Luz Couce. É dicir, tamén resulta fundamental reducir o número de bebés neonatos que enferman. Os avances específicos incorporados á UCI, a monitorización central, os diagnósticos ou os tratamentos centran os esforzos desta unidade.

XORNADA SOBRE PREMATURIDADE

Ás 09.00 horas deste sábado inaugurouse a xornada cunha conferencia sobre a historia da atención aos nenos prematuros e os principais retos no campo da investigación. Ademais de profesionais do CHUS, como Luz Couce, Rocío Búa ou Miguel Pérez Pereira, referentes internacionais como as investigadoras da Univeresidad de Bolonia Alessandra Sansavini e Annalisa Guarini abordarán o desenvolvemento comunicativo, lingüístico, os resultados escolares e habilidades lectoras de menores prematuros ou extremadamente prematuros.

Outras investigacións nadas en Santiago, do grupo universitario Underisk, tamén serán presentadas este sábado, así como unha plataforma online para avaliar rápida e sinxelamente o desenvolvemento destes nenos. Tamén haberá tempo para escoitar unha testemuña das "preocupacións e dificultades coas que se atopan as familias dos menores prematuros". José Vicente Martínez Ferreiro proporcionará esta perspectiva desde a súa propia experiencia.

Comentarios