As áreas sanitarias recuperan actividade cirúrxica ordinaria tras baixar os pacientes con covid

Todas salvo a de Pontevedra reprograman cirurxías aprazadas ao quedar liberadas camas usadas para reanimación
La Uci del Hula. ANA VARELA
photo_camera A Uci do Hula. ANA VARELA

O descenso de persoas hospitalizadas con coronavirus permitiu que as áreas sanitarias galegas, salvo a de Pontevedra-O Salnes, avancen na recuperación da actividade cirúrxica ordinaria, ao poder dispoñer de novo de espazos que foran habilitados para pacientes covid. 

Atendendo aos datos actualizados este martes pola Consellería de Sanidade, os pacientes covid ocupan en Galicia 488 camas, delas 105 de Uci —37 na área da Coruña, 18 na de Santiago, 15 na de Vigo, 14 na de Lugo, 11 na de Pontevedra, 7 na de Ferrol e tres na de Ourense— e 383 noutras unidades de hospitalización. 

PONTEVEDRA. No caso desta área, fontes da dirección explicaron a Europa Press que, de momento, "non se recuperou" a reprogramación cirúrxica ordinaria "debido á situación de pacientes críticos". "Contémplase e planifícase de cara a ir reactivando a programación cirúrxica a medida que se vaia podendo", apuntan. 

LUGO. O Hula tivo que "reaxustar un pouco a programación cirúrxica" nas últimas semanas, "en función das necesidades de persoal para a asistencia continuada en reanimación destes pacientes". Agora, con 22 persoas ingresadas con coronavirus en planta e 14 na Uci, están " proceso de recuperación" da "normalidade asistencial" e "programando con normalidade a programación cirúrxica".

Fontes da área matizan, en calquera caso, que toda a actividade cirúrxica urxente —de prioridade 1—, procesos graves, procesos oncolóxicos e outros, "non se viu afectada e non sufriron atrasos, senón que se fixeron todos en función da demanda e as necesidades que había diariamente". "A actividade que se reaxustou era patoloxía non urxente que podería necesitar recursos de reanimación e que se substituíu por cirurxía máis sinxela ou cirurxía maior ambulatoria que necesitaba menos recursos de reanimación", explican.

SANTIAGO. Responsables da área sanitaria aseguran que "a actividade ordinaria recuperouse ao 100% e empezouse coa extraordinaria". En base ao plan de continxencia, na área compostelá activáronse diferentes dispositivos extra para a atención a pacientes covid, algúns dos cales non foi necesario utilizar.

A CORUÑA. Tamén foi o caso da que é a zona sanitaria con máis pacientes covid hospitalizados —37 en críticos e 137 noutras unidades—, onde se está empezando a recuperar a actividade cirúrxica", destacan fontes da mesma, que reprograma as intervencións desde a semana pasada

Liberáronse camas de críticos que se usan para reanimación postcirúrxica, polo que se procederon a recuperar "cirurxías pendentes".

VIGO. Nesa liña, desde a área destacan que "se vai recuperando aos poucos" a actividade tras liberar camas destinadas a pacientes covid —actualmente ten 15 ingresados en Uci e 60 noutras unidades—, "recuperando ás enteiras para o seu uso orixinal". A presión asistencial "está a baixar", pero matizan que a recuperación da actividade cirúrxica realízase "paulatinamente" con moita "prudencia e cautela".

OURENSE. Destacan alí que se recupera este martes a programación cirúrxica con "normalidade absoluta", xa que ata agora as intervencións limitábanse ao urxente e prioridade 1. As mesmas fontes sanitarias indicaron que tamén se seguen facendo como ata agora as cirurxías ambulatorias que non requiren ingreso. Nesa área actualmente hai tres pacientes covid en Uci e 35 noutras unidades de hospitalización.

FERROL. Neste caso, fontes da Consellería de Sanidade explican que "a baixada da demanda asistencial destas semanas permitiu a desescalada e reorganización das unidades de críticos covid-19", xa que das tres unidades que estaban en marcha para este tipo de pacientes, pasouse a unha. 

Desde o 22 de febreiro reanimación do Hospital Arquitecto Marcide deixou de funcionar como Uci con pacientes covid-19, "para ser unha unidade de críticos non afectados por esta afección". E este luns "pechouse a unidade de coidados intensivos do Hospital Naval a pacientes coronavirus". Volve funcionar agora como unidade de recuperación post anestésica de cirurxía maior ambulatoria. 

Comentarios