Aprobadas as 1.604 prazas de educación, aínda que os exames non serán ata 2022

Máis do 85% destas prazas serán de novo ingreso
Opositores en Silleda. LUIS POLO
photo_camera Opositores en Silleda. LUíS POLO

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou este mércores da aprobación, na reunión semanal do seu Executivo, da oferta pública de emprego (Ope) de educación correspondente a este ano 2021. Como xa se anunciou, contará con 1.604 prazas e as súas probas non se celebrarán ata o próximo exercicio de 2022, xa que as do ano anterior tiveron que ser atrasadas pola pandemia. 

En concreto, repasou que máis do 85% destas prazas serán de novo ingreso, un total de 1.372, das que 652 serán do corpo de mestres, 692 de profesores de secundaria, 20 de escolas oficiais de idiomas e 8 de profesores de arte e deseño. 

Dos restantes, 232 reservaranse para promoción interna, sendo a maioría, 230, de profesores de ensino secundario e outras dúas de acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño.

MÁS DE 10.000 EN CINCO ANOS. Con esta oferta, o mandatario galego salientou que o número de prazas convocadas pola Xunta elévase a 10.665 no ámbito educativo nos últimos cinco anos, á vez que incidiu en que se reservará unha cota do 7% para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. 

Tamén concretou que as prazas por especialidades determinaranse unha vez que se coñezan as necesidades concretas do sistema educativo para os seguintes cursos e negóciense na mesa sectorial. "En definitiva, reafirmamos o noso compromiso coa calidade do ensino", defendeu, antes de aludir ao obxectivo de avanzar na estabilización dos docentes e contar só cun 5% de interinidade no curso académico 2022-2023. 

Comentarios