viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Aprazan o xuízo contra unha extraballadora do concello de Viveiro por apropiación de fondos municipais

O xuízo que ía celebrarse esta mañá na Audiencia Provincial de Lugo contra unha antiga traballadora do Concello de Viveiro, que está acusada de terse apropiado de preto de 12.000 euros das arcas municipais, procedentes da recadación de impostos e o pago de multas, quedou finalmente aprazado.

O ministerio público acusa a muller, que estivo a traballar durante uns meses nas oficinas do servizo de recadación municipal de Viveiro, concretamente no ano 2011, dun delito continuado de malversación impropia e pide para ela unha pena de cinco anos de prisión.

A Fiscalía acusa á antiga traballadora, que tiña entre as súas funcións o cobro de impostos e multas, de detraer parte da recadación diaria que pasaba polas súas mans, diñeiro abonado en efectivo polos contribuíntes, ata sumar preto de 12.000 euros que non foron contabilizados nin debidamente ingresados nas arcas municipais.

En concreto, á acusada reclámaselle a cantidade de 12.613 euros, polo diñeiro presuntamente subtraído e os intereses acumulados.

O goberno local de Viveiro abriu unha investigación por mor das queixas dalgúns veciños polo feito de que se lles reclamase o pago dalgúns impostos que supostamente xa abonaran.

Aprazan o xuízo contra unha extraballadora do concello de Viveiro...
comentarios