Condenado un fisioterapeuta de Carballo por agredir sexualmente unha paciente

A Audiencia da Coruña imponlle unha pena de sete anos e medio de cárcere

Audiencia Provincial de A Coruña. GOOGLE MAPS
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. GOOGLE MAPS

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou un fisioterapeuta a sete anos e medio de cárcere por agredir sexualmente unha paciente dunha clínica de Carballo na que exercía a súa profesión en 2020. Ademais, o tribunal impúxolle seis anos de liberdade vixiada, a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante oito anos e a inhabilitación para o exercicio da súa profesión durante catro.

Os maxistrados consideran acreditado que o investigado finxiu "realizar unha sesión normal de fisioterapia", pero, nun momento dado, introduciu os seus dedos na vaxina da vítima, a cal intentou saír da padiola de masaxe, o que o acusado impediu "presionando fortemente coa man as súas costas contra a superficie na que estaba tombada boca abaixo". 

Durante o forcexo, segundo relatan os maxistrados, realizou "unha momentánea penetración vaxinal, tras virar lateralmente á afectada na padiola profesional e baixarlle máis a roupa". 

Logo da agresión, o procesado "quixo acougala e pediulle que non o contase", indica o tribunal, quen sinala que, ao día seguinte, a vítima volveu a outra cita concertada na clínica e, seguindo o consello da súa avogada, gravou a conversa que mantivo co condenado sobre o ocorrido.

Os maxistrados ven "inaceptable" a versión do acusado, que sostivo que houbo "unha actitude de provocación" por parte da muller

Os xuíces sinalan na sentenza que a versión dos feitos que ofrece o acusado, quen sostivo que houbo "unha actitude de provocación" por parte da paciente, é "inaceptable". Así, recalcan que "non cre no consentimento da muller", pois subliñan que "nada, ningunha conduta da vítima, apunta nesa dirección". 

Así, afirman que "a reacción de nítida oposición" da afectada impulsa ao condenado "ao exercicio de violencia física de entidade e idónea para dominar o acto e impedir á muller conducirse segundo a súa propia autodeterminación, sen que ninguén pense sensatamente hoxe en día en forza obxectivamente irresistible ou resistencia da vítima ata o límite das súas posibilidades, máxime cando a desproporción física é patente".

Ademais, o tribunal afirma que a declaración "tan verosímil e crible" da paciente está corroborada tanto polo contido da conversa co procesado que gravou a propia vítima tras os feitos como polo pericial médico-forense do Imelga e o informe do psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que evidencia "un grave trastorno de tensión postraumática, que incide negativamente en varios estadios da vida ordinaria da vítima".