Sete anos do accidente do Alvia á espera de "verdade" e "xustiza"

O recordo e as reclamacións das vítimas volven a Santiago á espera dunha investigación independente e do xuízo
La máquina y los vagones del Alvia accidentado, almacenados en una empresa en Padrón. EFE
photo_camera A máquina e os vagóns do Alvia accidentado, almacenados nunha empresa en Padrón. EFE

Cero, catro, un, cinco, cinco. Unha serie de cifras que non significan nada para a maioría das persoas, pero non son un simple número. Para moitos son o símbolo dunha loita pola "verdade e a xustiza" á espera dunha investigación independente e un xuízo oral que segue sen data. 

O 24 de xullo de 2013, ás 20.41 horas, o tren Alvia 04155 que facía o traxecto de Madrid a Ferrol descarrilou en Angrois, á entrada de Santiago. Era a noite dos tradicionais lumes do Apóstolo, a cidade estaba preparada para a súa gran celebración anual cando ocorreu o accidente e o loito substituíu as luces. Os restos do Alvia seguen á espera de ser desmantelados, no lugar de Padrón ao que foron trasladados días despois do accidente. 

Recordos colocados en Angrois por familiares do Alvia accidentado en Santiago en 2013. EFEMáis cifras: 80 mortos e 144 feridos, segundo o cómputo oficial. Números e números que non conseguen explicar a traxedia e tampouco a tarefa que a Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 emprendeu e que seguirá vixente este venres, cando volverán facer, un ano máis, un homenaxe ás vítimas, pero tamén unha manifestación para reiterar as súas reivindicacións. 

Segundo Jesús Domínguez, portavoz da plataforma, a súa loita é "moi clara": queren "que se saiba a verdade e se faga xustiza", polo que piden unha investigación técnica independente do accidente —algo que cren que non cumpre a realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)—, avalados pola reclamación que fixo a UE a España sobre seguridade ferroviaria. 

"Nós non estamos a pedir a cabeza de ninguén", asegura Domínguez, senón que se depuren responsabilidades penais e políticas e se aclaren as causas do accidente. Neste sentido, lamenta a lentitude da Xustiza, porque sete anos despois o caso do Alvia segue en fase de instrución e a apertura do xuízo oral non parece posible para este ano. 

Actualmente só están imputados nesta causa por homicidio imprudente o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o entón director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. 

A Audiencia Provincial da Coruña decidiu reabrir a instrución en novembro do ano pasado tras os datos expostos pola plataforma sobre un suposto borrado do rexistro de avarías horas despois do accidente do tren. No marco deste proceso, foron chamados a declarar o pasado 10 de xullo catro traballadores de Talgo, entre eles un técnico que asegurara que a empresa borrou probas do accidente e que se ratificou nesta declaración. Iso despois de varios atrasos, o último debido á pandemia do coronavirus. 

A instrución xudicial reabriuse hai uns meses e levou a declarar a comezos de xullo a catro traballadores de Talgo

Agora está en mans do xuíz Andrés Lago decidir se amplía a instrución ou se o proceso segue o seu curso para abrir xuízo oral, algo que o avogado da Plataforma de Vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, considera que "xa non será este ano" porque, ademais, prevé presentar unha petición de máis probas

Tamén Manuel Prieto, avogado do maquinista, ve "imposible" que o xuízo oral se abra en 2020, xa que hai varios recursos que resolver, e estuda pedir novas dilixencias ao xulgado. Cre que tras a declaración do técnico de Talgo "quedou claro que se ocultou información e rexistros e se borraron avarías". Prieto lamenta "demasiados" atrasos no caso e non só polos sucesivos adiamentos destas últimas declaracións, que se programaron inicialmente para decembro do ano pasado. 

Non só foi o coronavirus, que fixo a Xustiza aínda máis lenta, senón que, segundo Jesús Domínguez, o Estado o que fixo é "dificultar" a investigación, polo que as vítimas aseguran sentirse ignoradas polos sucesivos Gobernos e os partidos políticos. "Ninguneáronnos todos os gobernos", reprocha, logo de constatar que non contestou ninguén ás súas peticións "nin no seu día Rajoy, nin Sánchez, e tampouco Ábalos nin Iglesias" e utilizaron a "estratexia do silencio" para non responder "nin non, nin nada". 

Nun novo aniversario, este xoves celebrouse unha asemblea e haberá de novo homenaxe e unha manifestación

Por iso, con motivo deste novo aniversario a plataforma de vítimas elaborou un vídeo no que recriminan os "sete anos de Gobernos negándonos a verdade" e volven pedir investigación independente xa!". 

As reivindicacións son as mesmas ano tras ano, pero a pandemia fixo que todo sexa distinto neste aniversario. Xa non puido acudir tanta xente á asemblea deste xoves, a homenaxe deste venres en Angrois terá que ser sen abrazos e a manifestación, desde a estación á Praza do Obradoiro, realizarase gardando a distancia de seguridade. Aínda así non faltarán á súa cita anual á hora e no lugar do accidente para recordar os que xa non están. 

Son conscientes de que nesta xornada é cando poden ocupar un espazo destacado nos titulares e despois volverán quedar relegados. Pero eles acórdanse da traxedia todos os días do ano, durante sete longos anos. Un total de 2.555 días esperando "verdade e xustiza".

Comentarios