Animalistas denunciarán as trampas para xabarís "se a Xunta as autoriza a particulares"

Libera e a Fundación Franz Weber consideran "moi grave" que se outorgue permisos" en contra da Lei de Caza de Galicia de 2013

Jabalíes campando por Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Imaxe de arquiivo dun garda civil dirixindo a varios xabarís que irrumpiron na estrada AEP

As asociacións animalistas Libera e Fundación Franz Weber advirten este luns que denunciarán ante Fiscalía a "aberración administrativa" que suporía que a Consellería de Medio Ambiente puidese autorizar trampas para especies de fauna silvestre, como os xabarís, "en resposta a posibles permisos que o departamento autonómico puidese estar a valorar".

Neste contexto, ambos os colectivos sinalan que a Lei de Caza de Galicia de 2013 prohibe empregar trampas non selectivas con sancións de ata 6.000 euros. Por outra banda, indican que o Código Penal castiga con ata dous anos de prisión o uso de explosivos "ou outros instrumentos ou artes de similar eficacia destrutiva ou non selectiva para a fauna".

Por iso, Libera e Fundación Franz Weber consideran "moi grave" que a Xunta "estea a expor outorgar permisos a persoas particulares para colocar métodos de caza que nin son selectivos nin reducen o sufrimento", como poden ser, segundo puntualizan, gaiolas para xabarís nas que "poden verse atrapadas outras especies, incluso protexidas".

Así, para os animalistas, que se fale de posibles permisos para colocar trampas en terreos agrícolas "é unha grave vulneración das diferentes disposicións legais" en Galicia e a nivel estatal, que "responde a un intento de criminalizar aos animais silvestres en lugar de sentar as bases de políticas de convivencia".

Comentarios