Animalistas alertan de que os municipios "non teñen competencias" para limitar os paseos de cans

A Fundación Franz Weber refírese ás medidas adoptadas en Caldas e Ponteareas
Un militar explica a una mujer, en la Rúa Nova de Lugo, que las salidas con perros deben de limitarse al tiempo mínimo necesario. XESÚS PONTE
photo_camera Una mujer pasea con un perro en Lugo. XESÚS PONTE

Os animalistas da Fundación Franz Weber advirten a concellos, sinaladamente A Estrada e Ponteareas, que "non teñen competencias" para emitir instrucións á Policía Local que restrinxan os paseos de cans durante a vixencia do estado de alarma. 

A Fundación remitiu un escrito á Delegación do Goberno en Galicia tras detectar que algúns municipios galegos ditaban resolucións "que inflúen negativamente sobre o benestar animal" e "contraveñen" as instrucións do Goberno durante o confinamento. 

Os animalistas lembran que os corpos locais "dependen agora da dirección do Ministerio do Interior e, por extensión territorial, das respectivas delegacións e subdelegacións do Goberno, polo que non poderían efectuar propostas de sanción" baseadas no que chaman "formulacións pseudoxurídicas". 

En concreto, o Concello da Estrada emitiu a semana pasada un bando no que limitaba a 50 metros a distancia dos paseos. No caso de Ponteareas, aínda que alongaba esta distancia até os 200 metros, marcaba uns horarios concretos nos que as persoas podían sacar ao can: de 8.00 a 10.00; de 14.00 a 16,00; e de 21.00 a 23.00. 

Esta última instrución, asegura a Fundación Franz Weber, "supera con fartura as recomendacións de empregar os horarios de menor afluencia que emitiu a Dirección Xeral de Dereitos dos Animais", dependente da Vicepresidencia Segunda do Executivo estatal. 

A ONG considera que estas propostas de multa económica por vulnerar o confinamento son "nulas", polo que os veciños afectados poden "recorrer ante a Delegación do Goberno" de maneira inmediata. 

Neste mesmo sentido, os animalistas piden á representación do Executivo estatal en Galicia que inste os concellos da Estrada e Ponteareas "a suprimir estas disposicións" despois de que a Secretaría de Estado de Seguridade lembrase que "as administracións locais unicamente están facultadas para a adopción de medidas que sirvan para a execución das ordes directas da autoridade competente". 

Comentarios