O ancián que raia coches en Vigo, a vista de conformidade a próxima semana

O home valíase dunha navalla para deixar diferentes marcas nos automóbiles

O octoxenario acusado de raiar decenas de coches no barrio do Calvario acudirá a próxima semana a unha vista de conformidade no Xulgado do Penal 1 de Vigo para responder dos danos a unha ducia de coches presuntamente causados por el mesmo valéndose dunha navalla en marzo de 2017.

A avogada de J.A.V.V., Patricia Carro, sinalou a Efe que exporá nesta vista que o seu cliente non teña que asumir a responsabilidade penal, senón a parte civil que corresponda e "dentro das súas posibilidades" económicas, e que se lle aplique unha medida de internamento no centro no que xa reside.

Carro sinalou tamén que o informe forense realizado ao seu cliente destaca que está nunha situación de vulnerabilidade "psíquica" e presenta unha "posible demencia e trastorno de base depresivo e de personalidade", aínda que en todo caso comprende a ilicitude dos feitos polos que se lle acusa.

J.A.V.V. foi enviado o pasado febreiro ao hospital Álvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica con vistas ao seu posible internamento nunha residencia, segundo resolveu o Xulgado de Familia, despois de que o penal 1 de Vigo acordase a súa posta en liberdade e derivase a causa á vía civil.

O ancián foi detido días antes do seu pase a disposición xudicial mercé a unha requisitoria para responder por desfeitas a unha ducia de vehículos. Unha causa, de varias que arrastra, que debería terse xulgado en decembro de 2018 pero na que non compareceu. A Policía atribúelle a este octoxenario máis dun milleiro de incidentes como os referidos.

O ministerio público solicitara que por parte dos servizos sociais se valorara a posible situación de vulnerabilidade de J.A.V.V. e a súa capacidade para vivir só e atender as súas necesidades. Este ancián xa fora sometido con anterioridade a unha avaliación forense na que se descartou que tivese unha patoloxía mental que aconsellase o seu internamento.

Veciños das zonas do Calvario e A Doblada viñan denunciando desde hai tempo, e con maior intensidade a comezos de ano, as andanzas deste home, ao que a Policía relaciona con máis dun milleiro de incidentes. Tanto é así que ademais de raiar os coches e sabotear as fechaduras, tanto de vehículos como de portais de edificios da zona, tamén protagonizou episodios violentos cando o sorprenderon en plena faena. Os veciños chegaron a colocar carteis de "búscase" coa súa imaxe.