Un ancián ataca cunha katana a outro armado cunha vara por uns lindes en Cerceda

Ambos están investigados por agresión, aínda que non chegaron a ser detidos
Guardia Civil. EUROPA PRESS
photo_camera Guardia Civil. EUROPA PRESS

Un conflito polos 'marcos' dunha leira volveu desencadear un episodio violento entre persoas maiores en Galicia. Ocorreu na tarde deste domingo nunha aldea do municipio coruñés de Cerceda, onde, segundo relatou a Garda Civil a AGN, un octoxenario "ameazou cunha arma branca, que pola descrición podería corresponderse cunha katana, a outro home de avanzada idade, que á súa vez respondeu cunha vara". O resultado: "ambos están investigados por agresión, aínda que non chegaron a ser detidos" porque a escena, máis propia dun filme de Tarantino que do rural galego, non tivo maiores consecuencias máis aló dalgún rasguño.

Ata o lugar do sucedido, na parroquia de Rodís, desprazouse unha patrulla de axentes do posto da Garda Civil de Ordes, que á súa chegada procederon a acougar os ánimos entre os dous anciáns, aínda que xa deixaran de agredirse. Non tardaron en saber o motivo: "uns marcos, como pasa moi habitualmente".

Comentarios