miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Un altar portátil e os aneis dos bispos: o Tesouro de Ourense, a estudo polo CSIC

Caja de marfil para guardar balanzas de precisión que forma parte del llamada Tesoro de Ourense. EUROPA PRESS
Caja de marfil para guardar balanzas de precisión que forma parte del llamada Tesoro de Ourense. EUROPA PRESS

As pezas serán analizadas por un equipo multidisciplinar, que traballará durante os próximos catro anos nun estudo sobre estes obxectos da Idade Media

Un xadrez de cristal, un altar portátil, un cáliz ou unha caixa de marfil para gardar balanzas de precisión son algúns dos obxectos que catro investigadoras do Consello Superior de Investigacións Científicas estudan e analizan xunto cos catro aneis dos bispos achados a finais do pasado ano no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. 

Nunha rolda de prensa celebrada este luns na Catedral ourensá, as responsables da investigación destacan que a trintena de obxectos do catálogo, a pesar de ser menos mediáticas, teñen unha "importancia mundial". 

O xadrez, o altar e cáliz atopáronse no Mosteiro de San Rosendo de Celanova xunto co báculo do mesmo santo e patrón do municipio. Estas e o resto das pezas serán analizadas por un equipo multidisciplinar, que traballará durante os próximos catro anos nun estudo sobre estes obxectos da Idade Media. 

"En todos os museos do mundo hai pezas así, que teñen unha importancia mundial, pero o relevante do tesouro de Ourense é que se conservou en conxunto, son pezas que se agruparon por razóns que intentamos pescudar", explicou Theresse Martín, doutora en Historia da arte e directora do proxecto sobre os tesouros medievais, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. 

Así, explicou que "non son pezas soltas" senón que en conxunto é cando se entende a idea do tesouro, contrastando as pezas de marfil xunto co cristal de roca ou as pezas de prata nielada. 

Sobre a parte dos obxectos que proveñen do mosteiro Celanova, aínda que se estudan na catedral de Ourense, resaltou que "levan a aura do Santo". 

"O obxectivo é entender o conxunto para ver que din as pezas da nosa historia e analizar como se conservaron durante todos os séculos ata chegar á actual", manifestou.

CAIXA DE BALANZAS. Unha das pezas que se atopaba na catedral de Ourense trátase dunha caixa de marfil para gardar balanzas de precisión da que, aínda que aínda non existe unha datación clara, o que se sabe, segundo trasladou a investigadora italiana especialista no estudo de marfil, Silvia Armando, é que "só constan cinco con estas características en todo o mundo" e "a de Ourense é unha das mellor conservadas". 

"Maioritariamente están na península ibérica, hai por exemplo unha tapa en Madrid que podería estar relacionada con esta caixa, á que lle falta, pero aínda temos que estudalo", sinalou.

OS CATRO ANEIS. Tamén sen datación clara atópanse os catro aneis dos nove bispos achados en Santo Estevo de Ribas de Sil. Fíxose a análise de fluorescencia de raios X e o resultado foi unha aliaxe de prata moi frecuente. "Non é algo que podamos fixar nin en ningún lugar nin unha data porque é tan estándar que realmente se usaba en moitos momentos", explicou Martín. 

Por iso, os expertos estudarán as aliaxes de prata das pezas do tesouro do mosteiro de San Rosendo para comprobar "se é posible que acheguen unha datación máis exacta". 

Con todo, destaca que obter unha data "non é o fin, só un deles". "Queremos estudar en profundidade, por exemplo, hai un que parece que ten rotos pero podería ser unha figura que aínda non identificamos, iso tamén o imos a analizar", comentou. 

Ademais, o Tesouro de Ourense forma parte dun conxunto "moito máis amplo" por o que será estudado xunto a outros como o de San Isidoro de León, "que ten unha colección real moi importante e empezamos a traballar en Xirona e en Toledo". Así como outros tesouros internacionais en Francia e Alemaña.

NON É UN "TESOURO ECONÓMICO". Pola súa banda, o delegado de patrimonio da diocese de Ourense, Luís Manuel Cuña, sostivo que "interesa a conservación pero tamén o estudo" porque "ao investigar as pezas e coñecer nalgún caso a súa rareza enténdese un tesouro que fala de raíces, de pasado e de antigüidade da diocese". 

"Non se trata dun tesouro económico porque non é un tesouro de diñeiro, é un tesouro histórico'', apuntou Cuña, que explicou que serán máis os investigadores que se encarguen do proxecto pero aínda non chegaron a Ourense, "é un equipo que traballará de forma coordinada, por exemplo virán investigar a tea do relicario de Santa"Eufemia . 

A aspiración do delegado é poder mellorar o museo. "O problema que ten a catedral de Ourense é que non ten espazo, está tan abigarrado que ás veces un non sabe nin onde mirar e temos pezas excepcionais que merecerían presentalas mellor", expuxo. 

Un altar portátil e os aneis dos bispos: o Tesouro de Ourense, a...
comentarios