O presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alfonso Rueda, iniciou este domingo en Silleda (Pontevedra) unha xira que o levará por toda a xeografía galega co obxectivo de manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas. No horizonte están as eleccións autonómicas previstas para 2024.
O autobús da xira que leva por nome Galicia non para! instalouse esta mañá na Praza da Feira de Bandeira e ata alí achegáronse numerosos veciños e curiosos sorprendidos pola súa presenza.
Todos eles, segundo informa o PPdeG nun comunicado, tiveron a oportunidade de conversar e incluso tomar unha caña de cervexa sen alcol con Alfonso Rueda, que se mostrou moi satisfeito de ter a oportunidade de manter este tipo de encontros directos e espontáneos coa cidadanía.
Ao longo das próximas semanas o autobús de Galicia non para! continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.
Con motivo desta xira, o PPdeG tamén pon en marcha este domingo a páxina web rueda.gal, a través da cal todos os cidadáns que o desexen poderán trasladarlle ao presidente da Xunta e do PPdeG todo aquilo que lles preocupa, "o que vai ben e o que cren que pode mellorar".
Segundo fontes do PPdeG, neste percorrido por Galicia, Rueda falará coa xente "de economía, de emprego, de familia, de educación ou do rural"; e porá en valor "a política a pé de rúa que sempre caracterizou ao PPdeG e que adquire máis importancia se cabe nun contexto nacional no que a política se afasta cada vez máis dos intereses dos cidadáns e a comunicación redúcese aos contactos entre determinados partidos".