Alertan dunha cadea de secuestros da aplicación WhatsApp nos móbiles

A Policía investiga casos en Ourense e alerta de que este ataque se produce a través da mensaxe falsa dun contacto

undefined
photo_camera Un móbil coa aplicación WhatsApp. ARQUIVO

A Policía Nacional investiga unha cadea de secuestros de WhatsApp despois de que máis dunha ducia de persoas perdesen en poucas horas o control da súa aplicación ao responder a unha mensaxe falsa. Segundo os axentes, en poucos días varias persoas notificaron a este corpo policial que perderan o control da súa plataforma WhatsApp". 

En todos os casos as vítimas afirmaron recibir unha mensaxe de WhatsApp, supostamente desde o teléfono dun contacto seu, na que se lle dicía que por erro lle enviou por SMS un código ao seu teléfono e se llo podía reenviar, que era algo urxente". "Ao tratarse dunha mensaxe dun contacto coñecido, e sen pararse a pensalo, a maioría das persoas reenviaron o código que acababan de recibir por SMS. A partir dese momento, o WhatsApp deixaba de funcionar e xa non tiñan acceso ao mesmo", explican. 

Tras ver o volume que alcanzaba este feito, "ao crecer exponencialmente o número de afectados", subliña a Policía, por parte do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da comisaría de Ourense indicouse que "en principio, o perder o acceso ao WhatsApp non habilita directamente a poder acceder a máis elementos do teléfono móbil". Ademais, explica que "o tomar o control da aplicación tampouco permite acceder ao contido na propia aplicación: arquivos, fotos, contactos, etc., dado que o mesmo descárgase no terminal telefónico". 

Por iso, a Policía indica que as accións a realizar unha vez que se foi vítima do feito, para poder recuperar o control da aplicación, pasan por "acceder/instalar novamente a aplicación Whats-App", introducindo de novo o número de teléfono e solicitando o envío dun novo código, que chegará vía SMS. Así a outra persoa perderá o acceso. 

"Se ademais pide un código adicional de seis díxitos é porque o atacante activou a verificación en dous pasos. En tal caso hai que esperar sete días para poder facer o paso anterior. Ata entón a sesión de WhatsApp permanecerá pechada para calquera usuario", indica a Policía. 

Ademais, puntualiza que "hai que ter en conta que provocar o bloqueo do cartón SIM non evita o acceso ao WhatsApp, ao poder utilizar unha wifi". "Se nada diso funciona, pódese escribir un correo á conta soporte [email protected]. Para iso hai que poñer o número de teléfono co prefixo +34", engade. 

A Policía recorda que para protexer os dispositivos "é conveniente instalar un antivirus".

Estafa telefónica de pirateo do PC 
A Policía Nacional de Vigo advirte dunha modalidade de estafa mediante chamada telefónica para actualizar o sistema operativo do computador. Varios cidadáns recibiron esas chamadas nas que unha persoa se facía pasar por empregado dunha coñecida empresa mundial na distribución de software informático e indicáballes que tiñan un problema coa seguridade e funcionamento do seu sistema operativo. Mandáballes descargar un enlace e a través del o estafador tiña acceso ao computador.

Comentarios