Oito alcaldes do PSOE de Pontevedra reclaman un "xiro" na política do partido

Formoso asegura descoñecer as súas demandas e fontes da súa contorna destacan o traballo feito pola executiva provincial os últimos anos
Andrés Díaz, Francisco Ferreira, Manuel Campos, Emiliano Lage, César Poza, Carlos Iglesias, Carlos Gómez y Enrique Cabaleiro. DP
photo_camera Andrés Díaz, Francisco Ferreira, Manuel Campos, Emiliano Lage, César Poza, Carlos Iglesias, Carlos Gómez e Enrique Cabaleiro. DP

Oito alcaldes do Partido Socialista na provincia de Pontevedra uníronse nunha "corrente propia" para reclamar un "xiro" na política do partido ás portas da celebración do XIV congreso do PSdeG, tras o que se levarán a cabo as correspondentes citas provinciais. 

En concreto, trátase dos rexedores de Pontecaldelas, Andrés Díaz; Gondomar, Francisco Ferreira; Cuntis, Manuel Campos; Fornelos de Montes, Emiliano Lage; Vilaboa, César Poza; A Illa, Carlos Iglesias; Baiona, Carlos Gómez, e Tui, Enrique Cabaleiro. En todos estes municipios, excepto en Vilaboa, o secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, obtivo máis apoios que o seu rival nas primarias, Gonzalo Caballero. 

Estes oito rexedores asinan un comunicado conxunto no que explican que manteñen "desde hai tempo" unha corrente de opinión propia dentro do partido á que destacan que se foron sumando cada vez máis alcaldes que teñen como punto común a crenza de que hai outra forma de facer política na provincia mantendo a lealdade á dirección provincial". 

Os oito rexedores aseguran que manteñen "desde hai tempo" unha corrente de opinión propia dentro do partido á que "se foron sumando cada vez máis alcaldes"

Tras sinalar que se trata dunha "forma de compartir experiencias municipais entre compañeiros do partido", informan de que celebraron un encontro en Baiona no que analizaron cuestións como a chegada dos fondos europeos. Así mesmo, detallan que, logo de avaliar a situación política do partido Galicia, todos eles coinciden en que "a nova dirección que sairá do próximo congreso terá que dar un xiro á mesma". 

Os rexedores tamén se refiren ao escenario de primarias que se celebrará a nivel provincial para asegurar que "polo momento" optan por manterse "nun espazo neutral sen definir a súa postura de cara ao próximo conclave".

FORMOSO. Respecto diso, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, manifestou descoñecer a demanda dos oito alcaldes. A preguntas dos xornalistas, dixo que está "centrado" na confección da executiva galega, un órgano que "vai executar a política de Galicia nos próximos catro anos". 

Con todo, tras coñecerse este comunicado conxunto, fontes próximas ao actual secretario xeral electo valoraron "positivamente" os catro anos de xestión da executiva provincial de Pontevedra ao considerar que "fixo un bo traballo".

Paloma Castro insta a Formoso a cumprir a súa "promesa" de integración
Tamén quixo manifestar publicamente a súa opinión sobre a situación do partido a integrante da dirección do PSdeG en funcións e deputada autonómica Paloma Castro, próxima Gonzalo Caballero, quen nun comunicado remitido aos medios subliña que o partido "é da militancia" e non dun "mini sindicato de alcaldes". 

"A militancia socialista da provincia de Pontevedra apoiou a Gonzalo Caballero con claridade, gañando co 62% dos votos", recalcou antes de chamar a remar "entre todos e todas" para "seguir construíndo un partido forte na provincia". 

Así mesmo, tras asegurar que con Gonzalo Caballero "os resultados electorais do PSdeG en toda Galicia e, concretamente na provincia, creceron", subliña que na formación socialista é "a militancia" a que decide. 

Ademais, sostivo que "detrás deste grupo de alcaldes non se perfila proxecto político", senón que "máis ben parece derivarse de intereses concretos nos proxectos orgánicos". 

Para rematar, aproveitou para instar a Formoso a cumprir "co seu compromiso e promesa de integración" de cara ao Congreso. "A día de hoxe non ha contactos, nin diálogo nin acordos nin integración", censura. 

Comentarios