O alcalde de Tui asegura que nunca tivo "ánimo de desobedecer" a orde de derribo da pirotecnia

Vázquez Padín, investigado pola Fiscalía, sostén que estivo mal asesorado polo departamento de urbanismo do Concello

Destrucción en Paramos. SALVADOR SAS
photo_camera Zona cero da explosión de Paramos, en Tui. SALVADOR SAS (EFE)

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, sostivo este luns que "nunca estivo" no seu "ánimo desobedecer" á Xustiza, tras coñecer que o ministerio público está a investigar se cometeu un delito de "desobediencia grave" ao non demoler a pirotecnia La Gallega, propiedade de Francisco Lameiro, quen se atopa en prisión provisional despois da explosión dun almacén ilegal en Paramos. "Pareceume máis xusto recibir a notificación oficial antes de que isto transcendese á prensa", manifestou Padín, para engadir que non estivo "ben asesorado" polo departamento de urbanismo do Concello —do que se encarga unha concelleira de Alternativa Popular de Tui— e que "á Fiscalía non lle resulta alleo" o problema que existe nesta oficina municipal, "que afecta de maneira moi lesiva" á prosperidade do municipio. 

"En ningunha das providencias que recibo sendo alcalde aparece que o alcalde poida incorrer en responsabilidades penais", sostivo, para explicar que cando se incorporou ao cargo (sete meses antes da explosión) seguiuse "tramitando" o "proxecto de demolición" da pirotecnia. "A partir do momento da explosión envórcome nas consecuencias", apuntou sobre o incidente que provocou a explosión dun almacén ilegal de material explosivo situado no barrio tudense de Paramos e que pertencía ao mesmo dono que a pirotecnia que tiña que ser "precintada e derrubada" segundo a orde xudicial.

Queremos executar esa sentenza e esperamos que o Goberno nos axude para eliminar o material explosivo

RESPONSABILIDADE PENAL. Padín explicou que o pasado 3 de setembro recibiu a notificación dunha "multa de 1.500 euros" por non cumprir coa derriba e que aí se "advirte do risco de responsabilidade penal". "Estou a executar a sentenza" desde ese momento, afirmou en referencia ao precinto da nave que se produciu, segundo afirmou, a principios do mes de setembro. 

A dificultade, segundo describiu o alcalde de Tui, foi o "desaloxo" do material explosivo, pois a familia do dono "non se puido facer cargo" e estudan agora como facelo desde o Concello porque "é un problema de xeito extraordinario" e, á vez, "un requisito previo imprescindible para derrubar" a pirotecnia. 

"Queremos executar esa sentenza e esperamos que o Goberno nos axude" para eliminar o material explosivo, trasladou Padín, que reclama "máxima lealdade" ao Executivo central. "Sen desaloxo non pode haber demolición", concluíu Padín. 

Comentarios