O alcalde de Teo retira as competencias aos seus socios de goberno do PSOE

Rafa Sisto quédase só xunto a outros tres concelleiros no goberno municipal ► "Foi unha decisión difícil, pero inevitable", explica o rexedor
Rafa Sisto. AEP
photo_camera Rafa Sisto. AEP

O alcalde de Teo, Rafa Sisto (Son de Teo), retirou as competencias municipais aos seus socios de goberno do PSOE (Uxía Lemus da Igrexa, Roberto Moñino Gil, Mayte Argibay Silva e José Manuel Elías Noya) e queda só xunto a outros tres concelleiros no goberno municipal. 

"Comuniqueilles aos concelleiros socialistas o cesamento nas súas responsabilidades de goberno. Foi esta unha decisión difícil, pero inevitable, que viña xestando desde hai varios meses e que fomos atrasando coa esperanza de poder reconducir a situación", explica o alcalde nun comunicado publicado na web do seu partido. 

Na páxina do Concello de Teo pódese consultar a organización realizada: Iria Otero Cepeda será concelleira delegada de Infraestruturas, Administración, Lingua e Mocidade; Xosé Ignacio Igrexas Villar, queda como concelleiro delegado de Benestar, Persoal, Deportes, Participación Veciñal e Servizos Básicos; e María López Álvarez é a concelleira delegada de Educación, Cultura, Igualdade, Mobilidade, Comercio, Turismo e Emprego. O resto das áreas son asumidas directamente pola Alcaldía.

No comunicado na web de Son de Teo, Rafa Sisto sinala que para "poder afrontar un goberno serio e con garantías, precísase lealdade e coherencia". "Lealdade aos pactos que se acordan e lealdade cos compañeiros de camiño", explicou.

"Fallou" en temas importantes

Segundo apunta, esta cuestión "fallou" en temas "tan importantes" como a xestión compartida dos fondos europeos, o mantemento dunha residencia teatral ou artística e no "respecto" aos compromisos adquiridos polo goberno local na pasada lexislatura e que xa contaban con retencións de crédito para levalos adiante.

Rafa Sisto apunta, así mesmo, que "a coherencia non está enfrontada coa diversidade", pero advertiu de que os concelleiros "actúan por delegación da Alcaldía". "Poden ter autonomía e capacidade de decisión nas súas áreas, claro que si, pero a Alcaldía que as nomea ten que estar informada minimamente do que se fai, entre outras cousas, porque é a responsable última", agrega. 

Neste sentido, afirma que as reunións de goberno foron "desde o primeiro momento monólogos" en que a parte de Son de Teo "expuña os proxectos e informaba do feito, mentres que a parte socialista calaba". 

Tras reivindicar que a súa formación sempre tivo "vontade de sumar", como así o testemuñan seis anos de goberno en coalición, Rafa Sisto recoñece a "dificultade" da situación, por quedar en minoría.

"Novos pactos"

"Abrimos pois con responsabilidade un período transitorio que debese levar á conformación de novos pactos que dean maior estabilidade ao goberno. Sabemos da nosa capacidade de diálogo e de acordo e non dubidamos de que, dunha ou outra forma, garantiremos apoios maioritarios que permitan executar os retos que temos que afrontar", sentenciou.

Ademais dos catro concelleiros logrados por Son de Teo e os outros catro do PSOE, a corporación municipal está conformada por sete edís do PP e dous do BNG, formación política de ámbito máis próximo.

Comentarios