sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

O alcalde de Ourense renuncia ao 30% do seu soldo durante o estado de alarma

Gonzalo Pérez Jácome. ARQUIVO
Gonzalo Pérez Jácome. ARQUIVO
Pérez Jácome adopta esta decisión "de forma solidaria e de xeito persoal" conforme á situación pola que pasa o país 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), renunciou ao 30% do seu salario durante o tempo que se prolongue o estado de alarma derivado da pandemia do coronavirus ante a parálise económica en todos aqueles servizos considerados como non esenciais por parte do Goberno central.

O rexedor anunciou este xoves a súa decisión como "un xesto solidario, de carácter persoal, con aquelas persoas máis afectadas pola crise en termos económicos". Pérez Jácome explicou que "renunciar ao 30% do soldo de alcalde segue a media dos ingresos que perderán os traballadores de todo o país cunha situación de Erte".

"O que toca agora é seguir traballando, tanto en facilitar os medios para garantir a saúde dos cidadáns como en adoptar aquelas medidas que poidan paliar os efectos económicos debido ao peche decretado", sostén o rexedor.

A través das súas redes sociais, Pérez Jácome sinalou que "continúa traballando ao 110%, incluídos festivos, para acelerar axudas municipais e obras". Ademais, tamén puxo en valor o traballo realizado polo goberno municipal que "tivo que adoptar moitas decisións e xestionar unha situación moi difícil".

Axuda autónomos e Pemes

O concello de Ourense tamén decidiu ampliar a 20 millóns de euros as axudas destinadas a autónomos, pequeno comercio e a reforzar os colectivos de ámbito social, logo do pasado día 20 de marzo o alcalde anunciase un plan de 10 millóns de euros.

Gonzalo Pérez Jácome subliñou a necesidade de axudar "ás persoas e colectivos que se están vendo afectado dun modo especial pola situación de alarma derivada do Covid-19". O alcalde quixo recordar que "Ourense foi o concello de España que puxo encima da mesa a maior resposta orzamentaria" para facer fronte á situación.

A decisión foi comunicada previamente aos integrantes do grupo de goberno e está a ser analizada polos técnicos municipais co obxectivo de minimizar "a tramitación burocrática para conseguir que sexan efectivas canto antes".

Recibo da auga

Por outra banda, o Consistorio de Ourense e a empresa que xestiona o servizo municipal de auga, Viaqua, anunciaron este xoves que non farán ningunha reclamación por o pago do recibo durante o período de situación de alarma producido polo coronavirus.

Así, o concelleiro de Infraestruturas e portavoz do goberno, Miguel Caride, explicou que non se producirá ningún corte na subministración de auga durante este período". "Esta medida ten como obxectivo garantir que un ben básico como a auga chegue a todos os fogares", engadiu.

Pola súa banda, a empresa concesionaria trasladoulle ao concello que "continúa a súa política de non cortar a subministración de auga ás persoas en situación de vulnerabilidade económica". Unha medida que desde que se produciu o estado de urxencia sanitaria ampliarase a todos os usuarios.

Ciencia para nenos

Ademais, a concellaría de Medio Ambiente, en colaboración co grupo Big Van Ciencia, lanzou un novo proxecto educativo online co obxectivo de axudar ás familias e divertir aos nenos mentres aprenden ciencia.

A actividade desenvolverase todos os xoves, ás 17,00 horas, a través da canle de Youtube da concellaría de Medio Ambiente e consistirá nun proxecto innovador no que "a ciencia e o humor entrelázanse para presentar un espectáculo experimental", segundo explicaron desde o Concello.

O alcalde de Ourense renuncia ao 30% do seu soldo durante o estado...
comentarios