As adopcións esborrállanse con só 46 en 2021 a pesar de crecer as solicitudes

As familias galegas adoptaron a 15 nenos doutros países, en tanto que se selaron 31 procesos a nivel nacional. A Xunta rexistrou 160 novas demandas para iniciar o procedemento
Bebés en un orfanato chino. ARCHIVO
photo_camera Bebés en un orfanato chino. ARCHIVO

As adopcións de menores caen en picado en Galicia. En 2021, rexistráronse só 46, once menos que no primeiro ano de pandemia e un 38% menos que en 2019, cando 74 familias abriron os seus brazos a un membro máis. Atrás quedan as 368 que se deron en 2005, un dato histórico. Os anos de espera e trámites, os cambios de criterios que operan algúns países ou o desexo de adoptar a bebés con pouco tempo de vida constitúen un freo en moitos casos, o que se suma a outros factores como o atraso da maternidade e a paternidade polas dificultades para conciliar ou pola precariedade laboral.

No conxunto do Estado, o ano pasado foron adoptados 846 menores. Aínda que se superaron as cifras de 2020 –cando 732 pequenos atoparon un fogar–, o dato acusa unha caída do 15% con respecto a 2019.

¿Cantos individuos ou parellas iniciaron o proceso o ano pasado? En Galicia, as administracións recibiron 65 ofrecementos para adopcións de carácter internacional, un 38% máis que en 2019. A maiores, computáronse outras 95 peticións para iniciar un proceso nacional, o que supón un aumento do 15,8% en dous anos. En 2005, superábanse as 800 demandas en conxunto. A comunidade na que máis se recorre a esta vía para materializar os anhelos de converterse en nai ou pai e de dar protección a un neno desamparado é Cataluña, onde máis de 640 cidadáns emprenderon o caminode a adopción o ano pasado.

No proceso administrativo, o primeiro paso é a valoración de idoneidade. Dos 51 certificados emitidos en 2021 en Galicia, onde a tramitación dos procedementos é competencia da Consellería Política Social, 42 reflectiron a aptitude dos solicitantes para a adopción nacional, en tanto que noutros nove casos o resultado foi negativo. Outros nove demandantes lograron un certificado positivo para emprender a tramitación a nivel internacional, unha proba que cinco non lograron superar.

Tras, en non poucos casos, unha longa espera, o ano pasado chegaron a bo porto 31 expedientes no ámbito nacional, aos que se suman outras 15 adopcións constituídas con pequenos doutros países. As primeiras foron as que máis se esborrallaron, un 43% con respecto a 2019, en tanto que as segundas contraéronse un 21% .

A radiografía reflexa que se produciron dúas rupturas en Galicia, o que significa que o menor e a súa familia adoptiva deixaron de convivir por iniciativa desta última ou da Administración, que pasou a asumir a tutela do pequeno. En paralelo, prosperaron dúas segundas adopcións.

Case a metade dos pequenos veñen de países europeos

Entre os 15 pequenos doutros países que, en 2021, pasaron a ser un membro máis dunha familia galega, sete procedían doutros países europeo, cinco son de orixe asiática e outros tres viñeron de strong<> América. En canto ás idades, oito tiñan entre sete e dez anos, un era maior de dez, catro tiñan entre 4 e 6 e dous non cumpriran máis de tres.

A diferenza máxima entre a idade do adoptante e o neno que se inclúe entre os requisitos en Galicia é de 45 anos. Ata 2018 era de 40 anos, pero unha sentenza do Constitucional obrigou á Xunta a ampliar ese límite.

Comentarios