Adega sinala que todos os partidos, salvo o PP, apoian frear o eucalipto

A asociación ecoloxista ten en marcha a campaña Stop Eucalipto. Avante Carballo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) informou este xoves de que todos os grupos políticos con representación no Parlamento Galego, excepto o Partido Popular, mostraron o seu apoio á campaña Stop Eucalipto. Avante Carballo, que ten como obxectivo frear a "expansión incontrolada" do eucalipto na comunidade.

Esta campaña, promovida por varios colectivos conservacionistas, pretende que se cumpran as limitacións que impoñen as diferentes normativas existentes á plantación de eucaliptos, así como a prohibición do Eucalyptus nitens mediante a creación dun Catálogo de Especies Alóctonas Invasoras que inclúa esta especie.

O manifesto da campaña, que inclúe cinco puntos, entre os que tamén destaca o fomento do cultivo de especies autóctonas e de aproveitamento multifuncional do monte, foi presentado este mércores, por representantes destes colectivos aos partidos con representación parlamentaria.

Na reunión, os deputados do PSdeG-PSOE, Age, BNG e o Grupo Mixto, avanzou Adega a través dun comunicado, mostraron a súa "preocupación" pola incontrolada expansión do eucalipto e a súa "concordancia" coas propostas recollidas no manifesto.

Comentarios