Un acusado de violar, denigrar e maltratar a súa exmuller recoñece só "discusións de parella"

A Fiscalía solicita para este procesado 34 anos de prisión 

Un acusado de violar, denigrar e maltratar a súa exmuller recoñeceu só ter "discusións de parella" durante o xuízo celebrado este luns na Audiencia Provincial da Coruña. 

"Tiñamos discusións de parella, pero nunca houbo faltas de respecto nin chegamos ás mans", declarou o home para quen a Fiscalía pide un total de 34 anos de cárcere por violar, denigrar e maltratar a súa exmuller, moitas veces en presenza da filla que teñen en común. 

Os feitos remóntanse ao ano 2008 e mantivéronse incluso despois da súa separación, un ano despois. En concreto, o fiscal relata que "nada máis iniciarse a convivencia" a vítima "sufriu por parte do acusado unha conduta de dominación, desprezo, insultos, control da súa persoa e do seu diñeiro, de forma cotiá". 

Entre outras cuestións, relata que o acusado "cuspíalle con frecuencia, tapáballe a boca co edredón para non escoitar o seu pranto, tiráballe dos pelos, dicíalle que era unha porca", cita, entre outras cuestións. 

Asegura tamén que este trato o estendeu a familiares que trataron de protexer a vítima, á que chegou a agredir sexualmente, incluso diante da súa filla pequena mentres permanecía durmida no coche, segundo recolle o escrito de cualificación fiscal.

NEGA OS FEITOS. Con todo, ante o tribunal, o acusado negou todos estes feitos e só recoñeceu ter "discusións de parella" coa muller. "Iso non é certo", repetiu en diversas ocasións ao ser preguntado por cada un dos feitos dos que se lle acusa. 

O acusado asegurou que recibía "insultos" por parte do pai da muller, quen, sinala, "desde o primeiro momento miroume con odio". "Eu non sei que problema ten comigo porque eu non lle fixen nada", engadiu. 

Comentarios