Acordo entre a Xunta e o sector pesqueiro para elaborar un novo plan de xestión da sardiña

O portavoz da asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), Andrés García, manifestou hoxe en Santiago que existe un "acordo unánime" entre o sector pesqueiro e a Xunta para elaborar un novo borrador do plan de xestión da sardiña.

A comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca, que preside o secretario xeral do mar, Juan Maneiro, reuniuse esta tarde para analizar a proposta realizada por Madrid o pasado 21 de maio, reunión da que os membros do cerco volveron "defraudados totalmente".

García explicou que incluirán no novo borrador medidas como "establecer topes de captura, establecer paros biolóxicos nas épocas de desova, protexer aos alevíns da especie e observar a evolución, ano tras ano, para ver se se produce unha recuperación, en lugar de aplicar unha medida tan drástica como é un plan de xestión que estableza 20.000 toneladas para toda a Península Ibérica".

Unhas medidas na liña das aplicadas nos anos 90 que pretenden evitar as "gravísimas" consecuencias que tería a redución drástica da pesqueira.

O próximo paso será, unha vez elaborado o borrador, presentalo de novo ante o Consello Galego de Pesca, o Goberno Central e negocialo con Portugal, outra das partes implicadas no proceso, e que debido aos históricos sae beneficiada.

O último paso sería presentar o plan de xestión ante o Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES) para que dea o visto e prace.

Comentarios