Aceptan dous anos por cargar as súas compras á conta do centro de Bueu que dirixían

A exdirectora e o exsecretario do IES Illa de Ons recoñecen que cargaron á conta do centro 17.672 euros

IES Illa de Ons. GOOGLE MAPS
photo_camera IES Illa de Ons. GOOGLE MAPS

A exdirectora e o exsecretario do instituto Illa de Ons de Bueu aceptaron este martes ser condenados a dous anos de prisión por un delito de malversación de caudais públicos, tras recoñecer que cargaron á conta do centro 17.672 euros en gastos persoais, informaron estas fontes xudiciais.

O xuízo, que debía celebrarse este martes na Audiencia de Pontevedra, saldouse cun acordo de conformidade previo á celebración da vista oral.

A Fiscalía pedía inicialmente para eles cinco anos de prisión e oito de inhabilitación para estes dous directivos, ao entender que ademais do delito de malversación incorreran nun delito de falsificación de documentos públicos.

Ambos recoñeceron que, entre xaneiro de 2012 e xuño de 2015, xestionaban a conta bancaria do instituto e tiñan dous cartóns de crédito asociados a ela cos que cargaron máis de 17.000 euros en gastos de compras en supermercados, zapaterías, tendas de roupa e incluso gastos persoais durante unha viaxe a París.

A maioría destas operacións, alleas ás necesidades do centro, tampouco foron computadas nos rexistros de contabilidade do instituto e, noutras ocasións, foron disimuladas noutras partidas.

Xunto cos anos de prisión, os dous acusados quedarán inhabilitados durante seis anos para desempeñar tarefas de dirección e deberán devolver á Xunta de Galicia o diñeiro malversado.