Acepta dous anos de cárcere por lanzar lastros á Policía durante un mitin de Vox en Vigo

A Fiscalía pedía para a nova pena de catro anos e medio de prisión e o pago de 1.800 euros de multa
El acusado de lanzar adoquines a la Policía durante un mitin de Vox en Vigo, en el juicio. EUROPA PRESS
photo_camera O acusado, durante o xuízo. EUROPA PRESS

Un mozo acusado de atentado contra a autoridade e de lesións por lanzar lastros a axentes da Policía Nacional no marco dunha protesta durante un mitin de Vox en Vigo aceptou a pena de dous anos de prisión e pagar unha multa de 240 euros.

Así se pactou entre as partes este mércores, de modo que non foi necesario celebrar o xuízo que estaba previsto na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, e a sentenza xa é firme.

O acusado, Rubén R.P., recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta, tras aplicárselle as circunstancias atenuantes de adicción (no momento dos feitos atopábase baixo os efectos de sustancias que minguaban parcialmente a súa capacidade volitiva) e de reparación do dano (o mozo xa consignou parte das indemnizacións aos axentes lesionados).

Así mesmo, o tribunal determinou a suspensión de pena de prisión por un período de tres anos, coa condición de que o procesado non delinca neste tempo e de que abone, antes do 30 de xuño, o que lle resta da responsabilidade civil, uns 148 euros.

FEITOS ADMITIDOS. Os feitos sobre os que se ditou sentenza e que o acusado recoñeceu ocorreron o 24 de outubro de 2019, cando o Auditorio Mar de Vigo acollía un mitin de Vox, con presenza de Santiago Abascal e como acto de precampaña das eleccións xerais de novembro dese ano.

Nos exteriores do recinto produciuse unha concentración dunhas 300 persoas, na que este mozo participou e, nun momento determinado, cando os axentes de Policía ordenaron dispersarse á xente, iniciouse un enfrontamento con lanzamento de valos e pedras. O procesado lanzou dous lastros que alcanzaron a senllos axentes, causándolles lesións leves nunha man e nun pé.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para Rubén R.P. a pena de catro anos e medio de prisión, e o pago de 1.800 euros de multa. Finalmente, a condena rebaixouse ao aplicárselle as circunstancias atenuantes.