Absolven o profesor de Celanova acusado de abusos sexuais ás súas alumnas

A Audiencia Provincial de Ourense absolveu o profesor de Celanova (Ourense), que sentou no banco acusado dun delito continuado de abusos sexuais a seis alumnas, ao entender que a proba achegada polas acusacións "non era suficiente para desvirtuar o principio de presunción de inocencia"

No auto divulgado polo TSXG, e con data do 15 de outubro, reflíctense "contradicións insalvables" no relato das menores, quen incluso incorren en declaracións contraditorias, posto que tras a declaración inicial na que limitaban os abusos ao contexto da aula, despois ampliáronos "ao comedor, ao patio e incluso ao momento de entrada no colexio mentres as filas estaban formadas, o que certamente pugna cos criterios da sa lóxica".

Segundo a maxistrada, polos informes dos peritos "non se pode determinar a credibilidade do seu testemuño" e, ademais, está a inexistencia de pegadas "psíquicas ou danos psicolóxicos, que de ordinario adoitan aparecer en supostos análogos".

A maxistrada alude, igualmente, á inexistencia de calquera "sentimento de resentimento ou inimizade" por parte das menores, que curiosamente chegaron a indicar que o acusado "era un bo profesor".

As acusacións, Fiscalía de Ourense e acusación particular, pedían 30 anos de prisión para o docente, por uns supostos feitos ocorridos en 2011, e baseados en que o educador daría "bicos na boca ás alumnas cando facían ben os deberes ou exames" e tamén as someteu a tocamentos.

Contra a resolución, que non é firme, cabe recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Comentarios