Absolto o indixente acusado polo incendio mortal de Cerdedo

A Audiencia Provincial de Pontevedra a absolto hoxe a S.P.P., de 57 anos, acusado de causar un incendio forestal en agosto de 2006 no municipio pontevedrés de Cerdedo, no que faleceron dúas mulleres que circulaban en coche pola estrada xeral entre Ourense e Pontevedra.

A maxistrada que xulgou este caso non esperou ao veredicto do xurado, senón que decidiu absolver ao acusado por considerar que ''non había proba de cargo" para condenalo á conclusión da terceira xornada do xuízo.

A xuíza entendeu que os indicios non eran suficientes para que o xurado sequera tivese que deliberar, polo que utilizou unha "facultade excepcional" da lei para absolver ao acusado e salvagardar o dereito constitucional á presunción de inocencia. "Certo é que o feito foi dunha magnitude extraordinariamente grave e de consecuencias desmedidas, pero o xurado só debe decidir se se lle pode considerar autor ou non", sinalou a maxistrada, antes de determinar que os indicios para culpar ao acusado non eran suficientes.

O fiscal, que pedía cinco anos de condena, anunciou nese mesmo instante que recorrería a decisión. Na última xornada esperábase o ditame médico, que certificou que o acusado, alcohólico e indixente, non tiña "ningunha alteración psiquiátrica nin deterioración cognitiva", e que "comprendía o feito que se lle imputaba".

A acusación particular pedía unha pena de 25 anos, pero, nas súas conclusións, o avogado recoñeceu que buscaba responsabilizar á Xunta pola tardanza en cortar a estrada en que morreron as vítimas, e que segundo os axentes da Garda Civil que declararon, non se pechou ao tráfico ata máis de tres horas despois do comezo do incendio.

As conclusións foron innecesarias, xa que estaban encamiñadas a convencer a un xurado que ao final non terá que intervir e o avogado defensor tampouco chegou a realizar a súa alegación final.

Comentarios