Absolto un acusado por lesións tras unha discusión sobre Cataluña nun bar de Santiago

O tribunal non ve probas que demostren a versión do denunciante, que incluso increparía ao procesado polo feito de ser catalán

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, ditou a libre absolución dun home acusado dun delito de lesións provocadas a outro individuo tras unha discusión sobre Cataluña.

Os feitos, acontecidos o pasado 18 de novembro de 2013 ao redor das 22.00 horas, sucederon nun bar dunha rúa do centro histórico da capital galega, no que se produciu -segundo probou a Sala- unha discusión subida de ton que terminou co denunciante caendo de xeonllos e fracturándose unha rótula, así como cunha contusión leve no índice da man esquerda.

Por estas lesións, este home precisou dunha intervención cirúrxica e estivo máis de dous meses de baixa, así como máis de dous anos ata que as dores remitiron, aínda que a día de hoxe di ter secuelas aínda no menisco da perna golpeada. Segundo o denunciante, foi o acusado quen lle causou estas lesións tras golpealo cunha botella na cabeza e tiralo ao chan acto seguido.

Con todo, tras a celebración da vista oral deste caso, a sección sexta da Audiencia Provincial decidiu que esta declaración non é suficiente, pola ausencia de probas, para extinguir a presunción de inocencia do acusado, quen sostén que foi o denunciante quen intentou agredilo e caeu ao chan tras tropezar cun taburete. Así mesmo, denuncia que recibiu insultos por parte desta persoa polo mero feito de ser catalán.

Na súa sentenza, o tribunal tamén apunta que a declaración do denunciante non é coherente nin persistente, xa que presenta numerosas contradicións ao longo do proceso. Así pois, non hai evidencias de que reciba un botellazo na cabeza, xa que as únicas lesións rexistradas están na man e no xeonllo.

Ademais, a Sala tamén considera sospeitoso que, de ter unha ferida sanguenta na cabeza a causa do botellazo non acudise ao hospital ata a tarde do día seguinte, e que non presentase denuncia ata máis de tres meses despois, sen motivo algún para o atraso. Para rematar, a testemuña presentada pola acusación particular non corroborou a versión do denunciante e incluso manifestou que este increpou e insultou ao acusado.

Comentarios