Abre a matrícula das escolas infantís galegas

Desde o próximo curso é requisito obrigatorio cumprir co calendario de vacinación

Aula de una de las escuelas de A Galiña Azul. ARCHIVO
photo_camera Aula de una de las escuelas de A Galiña Azul. ARCHIVO

A Xunta de Galicia abrirá a partir deste sábado o prazo de matrícula para as escolas infantís da rede autonómica 'Galiña Azul' xunto coas prazas concertadas con centros de titularidade privada, que se estenderá ata o próximo 5 de abril. 

Así o avanzou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión do Consello de Goberno, no que anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da matrícula das escolas infantís públicas e concertadas para o curso 2019-2020. 

En total, serán 10.379 prazas, unhas 114 máis que o curso actual, ás que se engaden outras 492 concertadas con centros de titularidade privada. 

As familias contarán cuns oito días, unha vez confirmada a praza no DOG, para presentar no centro correspondente o impreso de matrícula debidamente cuberto, engadindo ademais unha copia da cartilla de vacinación do seu fillo ou filla. 

"Esta medida, que conta co amparo da lexislación vixente e conta co respaldo da maioría de profesionais médicos, axudará a garantir a protección da saúde nestes espazos públicos", sinala Política Social nun comunicado. 

O Goberno galego, segundo indicou Feijóo este xoves, estuda tamén facer "obrigatorio por lei" que as garderías privadas non poidan admitir a matriculación daqueles nenos que non teñan completo o calendario de vacinación oficial

Así, a asesoría xurídica da Administración autonómica "está a ver se iso require reserva de lei" a través do Parlamento de Galicia. "Espero que ese informe sexa favorable", engadiu. 

Comentarios