A borrasca Barra trae alertas en mar e terra desde o martes

A costa de Lugo e A Coruña, en aviso laranxa por vento e ondas,  ► A cota de neve baixa aos 900-1.000 metros
Nieve en la provincia. AEP
photo_camera Nieve en la provincia. AEP

Galicia quedará afectada este martes pola presenza dunha profunda borrasca bautizada como Barra e situada sobre Irlanda. O ceo estará cuberto con precipitacións xeralizadas e intensas e haberá distintas alertas por temporal na costa e por vento e acumulación de choiva no interior.

Ademais, a cota de neve situarase nos 900-1.000 metros ao final da xornada, segundo o prognóstico de Meteogalicia. Precisamente a previsión de fortes nevadas no noroeste peninsular levou á DXT a instar á cidadanía a adiantar o regreso da ponte.

As temperaturas mínimas serán máis elevadas que na xornada anterior, pero as máximas apenas terán cambios, con moi escasa oscilación térmica ao longo do día.

ALERTAS. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro para este martes no litoral das provincias de A Coruña e Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir do martes pola tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa con vento do oeste forza 8 na Coruña –entre Prior e Bares– e na costa de Lugo con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. Nas Rías Baixas o nivel de alerta será amarelo con mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.

Ademais, durante a madrugada e mañá do martes tamén haberá alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e no interior de Pontevedra, así como ventos do suroeste rolando a oeste con refachos máximos ata 90 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

As autoridades recordan a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompientes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Temperaturas mínimas e máximas previstas
A Coruña 11° 15° Ferrol 11° 15° Lugo 10° 13° Ourense 11° 15° Pontevedra 13° 15° Santiago 11° 13º e Vigo 14° 15°.

Comentarios