Os '19 de Meirás' ven "unha barbaridade" que os Franco queiran "criminalizar" a democracia

Os cinco membros do colectivo que pasaron este venres polo xulgado de Betanzos negáronse a responder as preguntas da familia

Concentración en apoyo de los acusados celebrada a las puertas del juzgado de Betanzos. CABALAR (EFE)
photo_camera Concentración en apoio dos acusados celebrada ás portas do xulgado de Betanzos. CABALAR (EFE)

Cinco das 19 persoas denunciadas pola familia Franco pola ocupación simbólica do Pazo de Meirás en agosto do ano pasado, coñecidos como os 19 de Meirás, declararon este venres ante a xuíza de Betanzos, que instrúe o caso por unha acción da que senten "orgullosos" e que enmarcan no "dereito á liberdade de expresión". 

O portavoz do colectivo, o nacionalista Néstor Rego, recordou ás portas dos xulgados que a súa acción foi "pacífica e simbólica" e serviu para "reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo" e para "meter" o tema na "axenda" galega. Por iso, indicou, están "orgullosos" da súa acción, que demostrou a súa "utilidade". 

Fronte a isto, cualificou de barbaridade "desde o punto de vista tanto político como xurídico" a denuncia formulada pola familia Franco, que "intenta criminalizar o exercicio dun dereito democrático". "En pleno 2018, o franquismo está a pedir ata 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica", subliñou. 

Por iso, Rego dito que "non só hai que sacar os restos de Franco do Valle de los Caídos", se non que é necesario "sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perdura", como é o caso do Pazo de Meirás.

Os cinco membros do colectivo que declararon este venres negáronse a responder as preguntas da representación legal do Franco.

PIDEN A SÁNCHEZ QUE ACTÚE. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu a unha concentración de apoio aos 19 de Meirás que tivo lugar antes da súa entrada nos xulgados. 

Neste ámbito, Pontón incidiu no papel do Goberno central e reclamou a Pedro Sánchez que deixe de perder "tempo", dea "un paso adiante" e pida xudicialmente a devolución de Meirás ao patrimonio público. 

A portavoz nacional do BNG recordou que "fai máis de dous meses que o parlamento aprobou unha resolución unánime" pedindo que o Goberno do Estado demandase á familia Franco a devolución deste inmoble. 

"Ten informes ben documentados sobre a mesa e vías abertas para a recuperación deste Pazo, non entendemos como non se deu ese paso, non podemos seguir perdendo o tempo, xa que cada minuto que o Goberno do Estado pasa sen pór esa demanda, quen vai gañando é a familia Franco, e ten que gañar a democracia", resolveu. 

Finalmente, Pontón asegurou que os 19 de Meirás "representan a dignidade deste país" e considerou "de traca" a "impunidade da apología do franquismo" mentres se chama a declarar a persoas que reclaman democracia". 

Comentarios