Solvencia en casa e solidez fóra

Iago Míguez, durante el partido ante el Playas de Castellón (Foto: A.López)
photo_camera Iago Míguez, durante el partido ante el Playas de Castellón (Foto: A.López)

O Burela FS afiánzase na zona de play off de ascenso á Primeira División de fútbol sala masculino logo de gañar por 0-2 en Melilla. O conxunto laranxa é quinto, con 17 puntos, pero ten a tiro aos tres equipos que están por encima, xa que o segundo, o Andorra, suma 18, os mesmos que o terceiro, o África Ceutí, e o cuarto, o Fuconsa Xaén. Os burelenses recibirán o próximo fin de semana na Vista Alegre ao Eivissa, un equipo que ocupa a duodécima praza, con 10 puntos, sete menos que os mariñáns.

O cadro de Quique García asaltou ademais unha praza complicada, a do Melilla. O rival dos burelenses habíase feito forte na súa cancha e incluso alí caera o intratable líder, o Granada, o que realza o triunfo dos mariñáns. «Sabiamos que era un encontro complicado porque en Melilla van gañar poucos equipos. Penso que saímos moi fortalecidos, tanto a nivel deportivo coma moral, do encontro», manifestou Iago Míguez, autor dun dos dous goles do cadro burelense, que cre que o seu equipo xogou un partido moi serio. «Sabiamos o que nos agardaba, que o Granada non fora capaz de gañar alí e que necesitabamos xogar a un bo nivel para sumar os tres puntos, e foi o que fixemos», engadiu o futbolista.

O canteirán do Burela FSF, que regresou esta tempada logo de varios anos no Azkar Lugo e que cada vez está «máis cómodo e con máis minutos» destaca a regularidade que está a manter o equipo nas últimas xornadas, xa que leva nove puntos sobre doce posibles, cunha única derrota na cancha do líder. «Estamos nunha Liga moi esixente na que prima o equilibrio e calquera derrota penar coa perda de postos na clasificación. Nós estamos a intentar ser regulares e sumar en cada xornada para afianzarnos no grupo dos mellores».

Unha das claves para explicar a melloría experimentada polo Burela FS é o seu equilibrio defensivo, algo que tiña certamente preocupado ao técnico nos primeiros encontros de Liga. «En Melilla foi a primeira vez que deixamos o marcador a cero, algo moi importante, pero penso que tamén nos últimos partidos, descontando Granada, fomos capaces de encaixar poucos goles. A regularidade tamén pasa por ser fortes en defensa e ter un bo equilibrio co xogo de ataque», sinalou.

Míguez móstrase moi satisfeito co triunfo lonxe da Vista Alegre, pero tamén advirte da importancia de seguir sendo solventes en casa para afianzarse na zona de play off. «Temos que manter a forza na nosa pista, impedir que se vaian puntos. Fóra parece que estamos a rabuñar bos resultados e agora é importante gañarlle ó Eivissa para non perder na casa o que gañamos fóra», manifestou o xogador, que non espera unha perita en doce, aínda que o Eivissa afronta a tempada co obxectivo da permanencia. «Seguro que nos poñerá as cousas moi difíciles. Nós levamos unha liña moi boa nos dous últimos encontros non Vista Alegre e así temos que seguir», concluíu.

COPA XUNTA

Os burelenses xóganse en Mera o seu pase á fase final do torneo

O Burela FS aparca momentaneamente a liga para buscar hoxe na cancha do Mera (21.00), o pase á fase final da Copa Xunta de Galicia. A eliminatoria, que se resolve a partido único na pista do equipo de menor categoría, xógase no pavillón da Rabadeira, en Oleiros.

Baixa e dúbidas

Juanma é baixa, por unha sobrecarga, e Clebinho e Ique son dúbida, xa que arrastran sendas molestias.

Máis en Fútbol Sala
Comentarios