Zapatero: ''É certo que tanto ten quen se presente para que Rajoy non gañe''

Non desvelou se será el o candidato, nin cando fará pública a súa decisión. Na primeira entrevista do ano concedida polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, o único que dixo respecto diso da súa sucesión é que esta non dependerá do resultado dos vindeiros comicios, que se celebrarán no mes de maio.

Tamén deu a razón ao líder da oposición, Mariano Rajoy, quen dixo recentemente que daba igual que o candidato socialista fose "Zapatero, Rubalcaba, Pepiño ou a Chacón". O socialista está de acordo coas palabras do conservador: "É verdade que dá igual, para que, se cadra, non gañe, que é a tendencia ante a que habitualmente está". Ante as enquisas que agora indican precisamente o contrario, Zapatero botou man do refraneiro: "Ata o rabo todo é touro", dixo, recordando que no 2004 as sondaxes tamén dicían que el non gañaría as eleccións.

Ante os micros dunha cadea de radio, mostrouse partidario das eleccións primarias, sinalando o seu desexo de que o próximo líder do PSOE teña os mesmos dereitos de elección que el tivo no seu momento. Coa capacidade de autocrítica no peto, Zapatero debuxou un panorama positivo da realidade económica do país o mesmo día en que o Ministerio de Traballo desvelou que a cola do paro do Estado se alarga ao peche do 2010 en 176.470 persoas máis que hai un ano, e supera xa os 4.100.000 desempregados.

Así mesmo, defendeu as medidas postas en marcha polo seu Executivo para saír da crise, sinalando que se fixeron "cando eran necesarias". "Cando España creza en 2013 por encima da media europea recoñeceremos que será grazas aos esforzos do presidente do Goberno", atreveuse a vaticinar o titular do Goberno español. En calquera caso, dixo que asume e asumirá calquera responsabilidade, tanto no PSOE como no Goberno: "Nunca me xustificarei nin botarei a culpa a outro. Do que pase no PSOE e no Goberno a responsabilidade é e vai ser miña".

Comentarios