Vox sae á rúa

A protesta do partido ultradereitista contra o Goberno reuniu centos de persoas en todo o país. En Lugo, houbo medio centenar
Concentración organizada por Vox en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Concentración organizada por Vox en Lugo. SEBAS SENANDE

Vox mostrou este domingo o seu rexeitamento e oposición ao Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos con concentracións fronte aos principais concellos de toda España, onde centos de persoas acudiron a reivindicar a identidade de España, a súa soberanía, a defensa da Constitución e o encarceramento de Carles Puigdemont e Quim Torra. As mobilizacións, con todo, quedaron moi lonxe do éxito buscado do partido de Santiago Abascal, que encabezou a máis numerosa, a de Madrid, onde se reuniron unhas 4.000 persoas. 

En Lugo, ao redor de medio centenar de cidadáns déronse cita na Praza Maior para escoitar a lectura do manifesto España existe, o mesmo que se leu en todas as concentracións. O encargado de facelo na capital lucense foi Ángel López, deputado por Guadalaxara da formación ultradereitista. A reunión celebrouse sen ningún incidente, con tímidos vivas a España e ao Rei e algún solitario berro de Puigdemont "a prisión" que non obtivo o apoio pretendido. 

Estas concentracións, segundo informa Europa Press, desenvolvéronse con total normalidade e de forma pacífica en cidades como Madrid, Valencia, Málaga, Granada, Sevilla, La Palma, Zaragoza, Oviedo, Toledo, Ciudad Real, Santander, Mérida, A Coruña ou La Rioja, entre outras. 

Centos de persoas, e un milleiro nalgúns casos, asistiron a estas convocatorias fronte a multitude de consistorios, ataviados con bandeiras de España e clamando a defensa da unidade de España. "Eu son español, español" e "España unida, xamais será vencida", foron algúns dos cánticos que máis se escoitaron nas mobilizacións. 

Na concentración de Madrid, á que asistiron 4.000 persoas, segundo a Delegación de Goberno, o presidente de Vox, Santiago Abascal, foi o encargado de ler o manifesto, que tamén se reproduciu no resto de concentracións. "Dentro de España cabemos todos, todos menos os que queren romper o marco de convivencia utilizando as institucións para os seus intereses de partido", leu o presidente de Vox. Pola súa banda, o secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, estivo presente en Teruel, onde apenas reuniu cen persoas. 

Tamén houbo convocatorias en Barcelona, Girona, Bilbao ou Pamplona, onde si se produciron algúns incidentes, aínda que ningún de gravidade. 

En Santiago de Compostela, na Praza do Obradoiro reuníronse unha trintena de persoas. O encontro estivo marcado pola tensión entre os participantes e un grupo de mozos que chamaron "fachas" e "ridículos" aos asistentes.

Comentarios