Valls presenta a súa campaña coa 'V de vitoria' arroupado por Arrimadas

O ex primeiro ministro francés e candidato á alcaldía de Barcelona reivindicouse como o candidato dun "cambio ambicioso"

Manuel Valls. ANDREU DALMAU (EFE)
photo_camera Manuel Valls. ANDREU DALMAU (EFE)

O ex primeiro ministro francés e candidato á alcaldía de Barcelona, Manuel Valls, presentou este xoves a súa campaña coa V de valor e de vitoria, a "vitoria de Barcelona", nun acto no que estivo arroupado pola líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas.

Valls presentou a súa campaña de cara ás municipais de maio de 2019 cun grande acto celebrado no auditorio do Palacio de Congresos de Barcelona, no que contou tamén co apoio da líder de Ciudadanos no consistorio, Carina Mejías, e da concelleira deste partido en Madrid Begoña Villacís.

Así mesmo, apoiaron ao candidato o exvicepresidente de Sociedade Civil Catalá Joaquim Coll, o actor e director teatral Albert Boadella, e membros do catalanismo moderado como Eva Parera, de Uniu Democràtica de Catalunya, ou representantes de Lliures, entre outros.

Durante o acto, Valls reivindicouse como o candidato dun "cambio ambicioso" para que Barcelona recupere o "rumbo perdido" debido "á incapacidade" e a "irresponsabilidade" do goberno da alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, e polo proceso independentista. "Será o cambio da uve: da uve do valor, da vontade e a visión; dos veciños e do verde. De virtude e de vocación, da verdade e do vigor. Da uve de Valls e da uve da vitoria. A vitoria de Barcelona", clamou o aspirante independente á alcaldía.

Valls afirmou que a capital catalá ten que ser un factor de estabilidade, "de racionalidade, de responsabilidade e de impulso democrático en España e en Europa, porque o que se debate en Barcelona é o debate político máis importante do noso tempo". "É o debate entre a democracia e a demagoxia. O debate entre o populismo e a política democrática (...) O debate entre a sociedade aberta e a sociedade pechada. O debate entre o integrismo e o pluralismo. O debate entre o respecto e a imposición. O que aquí está en xogo comprométenos tamén como europeos", advertiu.

Comentarios