O uso do catalán, eúscaro e galego xa é oficial no Congreso tras a aprobación definitiva da reforma do Regulamento da Cámara que implantará as linguas cooficiais en toda a actividade parlamentaria e tras rexeitar as emendas á totalidade do PP e de Vox.
A reforma do Regulamento que permitirá usar o catalán, eúscaro e galego no Congreso foi ratificada en presenza do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, por 180 votos a favor, entre eles o da deputada do PP por Ourense, Rosa Quintana.
PSOE, Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e CC avalaron o uso do plurilingüismo no Congreso, que con todo recibiu os 170 votos en contra do PP, Vox e UPN.
Ademais, esta reforma incluíu unha emenda do PNV que pedía dar validez xurídica ás traducións para que as leis que se aproben na Cámara Baixa e sexan publicadas polo Congreso teñan carácter de versión auténtica en todas as linguas oficiais do Estado.
O pleno do Congreso rexeitou ademais as emendas á totalidade do PP e Vox e mentres a emenda de Vox recibiu 179 votos en contra e 138 abstencións procedentes do PP e de UPN, a iniciativa dos populares foi votada a favor polos de Abascal e sumou 170 síes fronte aos 179 nons.
O debate de hoxe estivo marcado polas críticas da dereita ao PSOE por apoiar esta reforma do Regulamento a cambio das esixencias dos independentistas cataláns e tras as declaracións do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, de evitar a judicialización do conflito en Cataluña.
Así, o PP, Vox e PSOE centraron as súas intervencións na lei de amnistía que Junts puxo sobre a mesa e en reproches mutuos mentres os independentistas cataláns e vascos quixeron resaltar a importancia deste día, que cualificaron de "histórico" ao haberse aprobado o plurilingüismo na Cámara.