Unhas declaracións de Hernando desatan a polémica no Congreso

Unhas palabras supostamente pronunciadas polo portavoz adxunto do PP, Rafael Hernando, nun programa de televisión sobre as vítimas do franquismo, provocaron hoxe unha dura liorta no pleno do Congreso, con acusacións cruzadas entre o propio Hernando e o deputado socialista LuIs Tudanca.

A finais de novembro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica presentou unha denuncia contra Hernando por inxurias graves por esas declaracións, nas que supostamente o deputado asegurou que os familiares das vítimas do franquismo só se acordan deles cando hai subvencións.

O propio Hernando negou repetidamente pronunciar esas palabras e así o reiterou hoxe ante a Cámara Baixa, despois de que o socialista Luis Tudanca as sacara a colación nunha pregunta previa ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón.

Hernando acusou ás "terminais mediáticas da esquerda" de manipular "arteiramente" as súas declaracións, usando unhas comiñas "absolutamente falsas" na que cuestionaba a "dor" das vítimas do franquismo.

"Nada máis lonxe da realidade, nin da miña vontade", proclamou Hernando, que recordou a Tudanca a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que castiga como delito calumnioso o atribuír falsamente manifestacións nunca pronunciadas.

No entanto, recordou que durante a tramitación parlamentaria da Lei de Memoria Histórica, o propio PSOE detectou a inscrición de numerosas asociacións que só tiñan por obxectivo acollerse aos beneficios da norma.

"O meu respecto ás vítimas da Guerra Civil, da Ditadura e de todas as ditaduras", concluíu.

A intervención de Hernando estivo en todo momento salpicada polos rumores e os berros de desaprobación da bancada socialista, o que obrigou ao presidente do Congreso, Jesús Posada, a intervir en varias ocasións para acougar os ánimos.

Visiblemente alterado, Posada asegurou que "parece mentira" que sexa imposible escoitar a un deputado no uso da palabra.

Na súa réplica, Tudanca recordou que as palabras de Hernando están gravadas e que faría ben en rectificar e en pedir perdón ás vítimas da represión.

O deputado socialista emprazou ao portavoz adxunto do PP a reflexionar sobre o que dixo e a pedir desculpas ás vítimas no próximo pleno logo de Nadal en lugar de ameazar, ao seu xuízo, con querelas.

Hernando intentou retomar de novo palabra, pero o presidente do Congreso deu por resolta a polémica, aínda que lle deu a oportunidade de presentar unha queixa e entón decidirá se lle outorga unha nova quenda de alusións no pleno de mañá.

Comentarios