Unha operación policial contra o branqueo de capitais sáldase con 164 detidos

Un total de 164 persoas detidas en doce provincias españolas e 6,5 toneladas de ouro e prata incautadas é o balance dunha macro operación policial contra o branqueo de capitais e a fraude fiscal en establecementos de compra-venda de ouro, culminada nos últimos días.

Segundo informaron fontes do Ministerio do Interior, nesta operación policial bloqueáronse contas e activos por un valor superior aos 16 millóns de euros.

A policía incautouse tamén de 1,69 millóns de euros en efectivos, 52 vehículos (entre coches e motos) e 2 barcos, segundo indicaron as mesmas fontes.

O conglomerado delituoso, que utilizaba empresas ficticias e homes de palla, tamén servía para introducir no circuíto legal xoias roubadas e defraudar no pago de impostos.

Segundo o Ministerio do Interior, preto de 600 investigadores da Policía e da Axencia Tributaria coordináronse para rexistrar 88 establecementos de compravenda de ouro abertos ao público e domicilios particulares en doce provincias españolas.

Os detalles desta operación policial serán explicados mañá en Valencia nunha rolda de prensa na que intervirán o director xeral da Policía, Ignacio Cosidó; a delegada do Goberno na Comunitat Valenciana, Paula Sánchez de León; e o Xefe Superior de Policía de Valencia, José Manuel Salgado.

Comentarios