Un segundo profesor de Maristas de Barcelona confesa tocamentos a antigos alumnos

Unha das familias alertou o colexio, que non atendeu a queixa, e o docente seguiu no seu posto durante 16 anos máis

Un segundo profesor dun colexio dos Maristas de Barcelona, o situado no Eixample, confesou cometer tocamentos a alumnos do centro entre os anos 70 e 90, cando era titor dun curso de EXB, un dos cales denunciou agora o caso aos Mossos d'Esquadra.

Segundo publica este venres a edición dixital de El Periódico, o profesor, A.E., que hai anos abandonou o centro e vive agora no seu pobo natal da Comunidad Valenciana, recoñeceu ao rotativo que, entre os seus alumnos, que tiñan de 7 a 10 anos, "a algún si lles fixo tocamentos nos xenitais cando os chamaba á súa mesa.

En conversación telefónica cos xornalistas, A.E. asegura que entón sentía "unha especie de atracción" cara aos menores e que voluntariamente optou por "deixalo estar": "Non me botaron do colexio. Funme eu por ese problema, que era superior ás miñas forzas".

O ex-docente engade que unha vez "pasou un caso deses cun menor, pero non foi nada especial. Eu non cría que fixese nada, pero un pai queixouse, dixo que houbera algún tocamento e iso. Pero eu non consideraba que iso fose un tocamento e por iso o deixei todo. Porque, díxenme, a ver se agora por calquera cousa...".

Tres ex-alumnos do colexio dos Maristas da Inmaculada, no distrito do Eixample de Barcelona, relataron agora ao rotativo os abusos sexuais aos que os someteu un profesor cando tiñan entre 7 e 10 anos, entre 1970 e 1990.

En 1977, a familia dun dos nenos alertou a dirección da escola de que A. E. abusada do seu fillo, pero a escola non atendeu a queixa e o profesor seguiu no seu posto durante 16 anos máis.

En 1993, a nai doutro dos menores denunciou ante o director os tocamentos que o mesmo profesor lle facíal ao seu fillo, data na que o colexio decidiu ao parecer apartar o docente a cambio de que a familia renunciase á súa intención de denunciar o caso á Policía, segundo afirmou a muller, M.C., a El Periódico.

Foi o fillo desta muller, que actualmente ten 32 anos, o que finalmente se puxo en contacto cos Mossos d'Esquadra para denunciar o caso.

A Fundación Champagnat, que xestiona todas as escolas dos maristas en Cataluña, asegurou este venres a Efe que non lles consta ningunha denuncia sobre presuntos abusos cometidos nos Maristas do Eixample de Barcelona en 1993 e que se lles chegase unha denuncia actuarían "en consecuencia".

Pola súa banda, as denuncias por abusos na escola Maristas de Sants-Lles Corts achéganse á trintena, a metade delas dirixidas contra o pederasta confeso Joaquín Benítez e o resto contra diversos profesores do centro.

Comentarios