Un grupo reivindica a queima de cinco autobuses en Biscaia para esixir liberdade para os presos de ETA enfermos

Un grupo responsabilizouse, a través dun correo electrónico anónimo remitido ao grupo de comunicación público EITB, do incendio que na madrugada de onte calcinou cinco autobuses no municipio biscaíño de Loiu, ataque co que reclama a excarceración dos presos de ETA enfermos.

Precisamente hoxe, antes da reivindicación da autoría do incendio, o xuíz da Audiencia Nacional Fernando Andreu abriu dilixencias de investigación para esclarecer a queima dos autobuses da empresa de transportes Lujua, que estaban estacionados nunha cocheira de Loiu.

O xuíz incoou estas dilixencias logo de recibir o atestado da Ertzaintza que apunta á posibilidade de que se trate dun acto de sabotaxe ou de violencia nas rúas ao aparecer nas inmediacións do incendio pasquíns en apoio aos presos de ETA.

No correo remitido a EiTB, en eúscaro, e ao que tido acceso Efe, o grupo explica que colocaron pequenos artefactos na parte traseira dos vehículos. Argumentan que, aínda que ETA puxo fin á súa actividade armada, a situación dos presos empeorou e engaden que, ante esta situación, non pensan quedar "mirando ao ceo".

No correo indican, tamén, que a actual política penal está deseñada para castigar os presos e que "na medida en que son militantes" supón castigar a todo un movemento político.

Recordan, ademais, que houbo tres etarras que faleceron mentres estaban en prisión e na nota inclúen os nomes de dez reclusos enfermos da banda terrorista cuxa posta en liberdade esixen.

O comunicado finaliza coa frase Preso gaixoak kalera!!! (Presos enfermos á rúa).

Pola súa banda, fontes do Departamento vasco de Seguridade confirmaron a Efe que a "reivindicación anónima" deste ataque a través de EiTB incluíuse dentro das investigacións que está a levar a cabo a Ertzaintza ao redor deste incidente.

O incendio declarouse sobre as 5.10 horas e quedou extinguido case dúas horas despois tras a intervención dos bombeiros. O lume xurdiu nun dos vehículos e de aí propagouse aos outros catro.

Os cinco autobuses estaban situados no aparcadoiro exterior da cocheira, polo que o incendio non afectou á nave, nin ao resto do recinto.

RESUMO DE REACCIÓNS

Sortu rexeitou hoxe o ocorrido e asegurou que este ataque ''enmárcase totalmente fóra da estratexia da esquerda abertzale". O grupo fixo pública unha nota de rexeitamento a esta sabotaxe despois de que esta tarde se responsabilizase un grupo anónimo do sucedido.

Horas antes, esta mañá, Oskar Matute, parlamentario vasco do grupo EH Bildu (no que se encadra a mesma Sortu xunto a EA, Aralar e Alternatiba) asegurou que daría a coñecer a opinión da coalición sobre a queima dos autobuses "cando existise unha maior certeza" sobre o caso.

Unha vez producida a reivindicación, xa pola tarde, Sortu manifestou que "este ataque só beneficia a aqueles que pretenden perpetuar o conflito, é dicir, a aqueles que vulneran a diario os dereitos dos presos vascos".

Comentarios