Un ex-xerente do PP de Madrid e un empresario declaran este venres ante o xuíz do caso Púnica

Gutiérrez Moliner e López Madrid están a ser investigados por posibles delitos de branqueo de capitais e de suborno dentro da trama de corrupción que afecta ao partido na comunidade

O ex-xerente do PP de Madrid Beltrán Gutiérrez Moliner e o empresario Javier López Madrid declaran este venres ante o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco por posibles pagos ilegais ao partido no marco da trama Púnica.

Gutiérrez e López Madrid están a ser investigados despois de que o pasado 11 de febreiro Velasco ordenase cinco rexistros para dilucidar se houbo posibles delitos de branqueo de capitais e de suborno dentro da trama de corrupción Púnica que afecta ao PP de Madrid.

Axentes da Unidade Central Operativa (Uco) da Garda Civil rexistraron os domicilios do empresario —conselleiro de OHL e xenro de Juan Miguel Villar Mir— e do ex-xerente, ademais dos dous despachos do primeiro e o que o segundo ten na sede do PP de Madrid, onde inspeccionaron o seu computador.

As sospeitas contra ambos dous parten das anotacións atopadas nunha axenda do ex-secretario xeral do PP madrileño Francisco Granados, único dos considerados líderes da trama que permanece en prisión, e a quen o xuíz xa lle dixo cando lle tomou declaración que cría que parte do diñeiro "inchado" nos contratos o repartían el e "o Partido Popular da Comunidad de Madrid".

O pasado 15 de febreiro López Madrid negouse a declarar ante a Garda Civil, mentres que Gutiérrez o fixo para negar os feitos que se lle imputan.

Gutiérrez Moliner deixou de ser xerente do PP de Madrid en outubro de 2014, tras 14 anos no cargo, tras coñecerse un informe de Bankia que revelaba que gastou 58.000 euros cunha "tarxeta black" de Caja Madrid emitida á marxe dos circuítos regulares pola súa condición de conselleiro da entidade.

O ex-xerente deixou o cargo despois de que a alcaldesa de Madrid, Ana Botella, o destituíse como asesor municipal e tras pedir o seu cesamento o día anterior a dirección nacional do Partido Popular, da que dependía orgánicamente.

Ata o día de hoxe mantén a condición de empregado do Partido Popular, que xa ostentaba antes de ser nomeado xerente, aínda que este mesmo xoves a xestora que se fixo cargo do partido, presidida por Cristina Cifuentes, confirmou que o despedirá en canto sexa posible.

Comentarios