Un asesor do PP rexistra Guanyem e pide 20.000 euros por renunciar á patente

O asesor do PP no Concello de Valencia Luis Salom cominou hoxe a Ada Colau, de Guanyem Barcelona, e a Pablo Iglesias, de Podemos, a que doen 10.000 euros cada un a unha entidade benéfica para que el renuncie ao rexistro das marcas Guanyem Valencia e Guanyem Barcelona.

Nun comunicado de prensa, Salom respondeu así ás críticas recibidas en redes sociais tras coñecerse que onte solicitou na Oficina Española de Patentes e Marcas o rexistro das citadas marcas, que segundo defende "non foron rexistradas previamente por ningún partido político nin plataforma cidadá".

"O fin deste rexistro non é lucrativo" senón que supón "un toque de atención a aqueles que cren que todo o mundo se equivoca e que eles son os que mellor preparados están para gobernar nas institucións, pero descoidan un detalle tan básico como o rexistro dunha marca", sinala Salom, quen protagonizou nos últimos meses varias polémicas en redes sociais por distintos asuntos.

"Ada Colau pretende concorrer ás eleccións municipais en Barcelona de forma conxunta co partido de Pablo Iglesias baixo a marca Guanyem Barcelona, un acordo que en Valencia se resiste pola incapacidade da esquerda de facer pactos transparentes antes das eleccións, cuxo único programa en común é botar ao Partido Popular e xa que logo non hai ningún indicio do interese no uso de Guanyem Valencia", engade.

Ademais, critica que Pablo Iglesias "dixo antes das eleccións que renunciaría ao seu soldo de 8.000 euros en Bruxelas, posteriormente dixo que entregaría a organizacións sociais parte do mesmo, e finalmente decidiu doar o 75% a un programa de televisión que el mesmo dirixe".

Tras estes argumentos, anuncia: "Non teño ningún inconvinte en renunciar ao rexistro de ambas marcas de forma totalmente gratuíta, tan só deberían facer un donativo de 10.000 euros por cada unha das marcas aos servizos sociais de Sant Joan de Deu", que segundo afirma dispón dun albergue para a atención das persoas desfavorecidas en Valencia.

"É unha oportunidade de ouro para que Pablo Iglesias e Ada Colau exerzan de verdade a solidariedade que din defender", conclúe o comunicado.

A plataforma Guanyem Barcelona, liderada por Ada Colau, anunciou esta tarde nun comunicado que presentará unha denuncia contra Luis Salom por rexistrar o nome da formación catalá e de Guanyem Valencia na Oficina de Patentes e Marcas do Ministerio de Industria.

Segundo Guanyem, que pretende presentarse ás próximas eleccións municipais en Barcelona, o asesor do PP incorreu nun ilícito penal por utilizar o nome da formación no tráfico xurídico e mercantil sen autorización.

Comentarios