Tres senadores do PP balear votan a favor da moción presentada polo PSOE conta as prospeccións

Tres senadores por Baleares do grupo parlamentario popular votaron hoxe a favor da moción presentada polo grupo socialista para pedir a oposición ás prospeccións petrolíferas "presentes e futuras" no litoral español, aínda que ao final foi rexeitada con 148 votos en contra e 18 abstencións.

O Senado rexeitou no pleno desta mañá a moción presentada polos socialistas, que aínda así contou co apoio do grupo mixto e o grupo Entesa, ademais dos senadores populares que se saltaron a disciplina de voto do seu partido, unha circunstancia que ten o seu precedente no pasado mes de maio, cando PP e PSOE foron incapaces de chegar a un acordo no Senado sobre as prospeccións en Baleares e Canarias.

A falta de consenso sobre o texto que se negociaba entón impediu aprobar que o Senado instase o Goberno a suspender temporalmente esta actividade ata chegar a un entendemento coas rexións afectadas e estudar a modificación da Lei de Hidrocarburos.

Por iso, o Pleno do Senado limitouse a votar a moción consecuencia de interpelación defendida polo PSOE pedindo a paralización das sondaxes, que foi rexeitada pola maioría do PP excepto os senadores por Baleares José Salga, Lorenzo Bosch, Margarita Durán e María Antonia Grau.

Esta mañá, a petición socialista foi defendida pola senadora Pilar Serrano, quen reclamou a suspensión dos permisos concedidos ás empresas petroleiras pola "magnitude do impacto negativo no medio mariño e as actividades turística e pesqueira" á vez que volvía pedir a modificación na Lei de Hidrocarburos de 1998 para "aumentar a esixencia na avaliación do impacto ambiental".

O grupo parlamentario popular rexeitou a moción aludindo a razóns económicas porque "o noso problema é a enerxía, se tivésemos petróleo e gas propios, teriamos un nivel económico e de emprego moito máis elevado", así como defendendo que as prospeccións "non danan o medio ambiente", segundo o seu portavoz José Ignacio Palacios.

O representante dos populares recordou que onte mesmo o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias rexeitou a cancelación das prospeccións no arquipélago, antes de achegar exemplos doutros lugares do mundo que compaxinan as plataformas petrolíferas cos recursos turísticos naturais como California (EE.UU.) ou o Algarve (Portugal).

Comentarios